Os sons dos instrumentos medievais da Deputación saen á rúa con concertos e exposicións

A Deputada de Cultura, Pilar García Porto, presentou no Obradoiro de Instrumentos do CENTRAD a nova programación da Deputación para poñer en valor os instrumentos musicais da colección provincial. “Realizaremos 8 concertos que impartirá o grupo lucense Lucus Ensemble noutros tantos Concellos, para dar a coñecer e poñer en valor estes instrumentos. Ademais, na Capela de Santa María presentaremos, nos vindeiros días, unha mostra que recollerá unha boa parte da colección máis importante en Europa de instrumentos de corda medievais dos séculos XII e XIII”, avanzou a Deputada.

O obxectivo desta iniciativa pasa polo estudio, a divulgación, o préstamo de pezas, así como a promoción da música medieval para o público en xeral nos 67 Concellos da provincia. Esta iniciativa tamén contribúe a poñer en valor as nosas tradicións e a nosa cultura, como neste caso, os sons medievais tan arraigados na nosa historia. Por iso, dende o Centro de Artesanía e Deseño e a Colección e Obradoiro de instrumentos musicais da Deputación iniciouse un traballo para a actuación integral na formación de intérpretes e reconstrucións históricas para a súa promoción en Galicia, creando unha pequena colección de instrumentos medievais destinada ao préstamo temporal a músicos profesionais que queiran achegarse, ou aportar a súa experiencia na interpretación deste legado cultural dentro das súas xiras internacionais.

Para poder chegar á difusión, último paso do proxecto, é necesaria a difusión e publicidade por parte de músicos de recoñecido prestixio. Así, toda a cidadanía poderá aprezar os sons antigos, e ao mesmo tempo, como se poden integrar nas músicas máis contemporáneas. O Grupo lucense Lucus Ensemble, é un dos principais referentes da música de cámara da provincia. A súa formación conta cun plantel de trece compoñentes (once instrumentistas e dous vocalistas), e goza dun prestixio gañado a pulso ao longo dos case cinco anos da súa existencia, e dos múltiples concertos e repertorios diferentes desenrolados neste tempo. Os instrumentos que se cederán por parte da Deputación para os concertos son: unha zanfona medieval, unha viola de tres cordas, un salterio e unha Giga. Algúns deles creáronse no Obradoiro de instrumentos musicais do CENTRAD que impulsou a Deputación na pasada anualidade.

A programación para cada un destes 8 concertos inclúe ademais unha exposición con pezas exclusivas de instrumentos medievais que se utilizan nestas mesmas actuacións. Estas pezas saíron do Obradoiro de instrumentos musicais do CENTRAD que impulsou o Goberno da Deputación na pasada anualidade. Ademais, as actuacións realízanse en edificios e lugares históricos que teñen relación coa música medieval, e que contan cun patrimonio histórico moi relevante como a Catedral de Lugo, a Igrexa de San Estevo de Ribas de Miño, ou a Igrexa de Santa Mariña, entre outras. As datas son na Antas de Ulla, 14 de abril; na Igrexa Santa Mariña, ás 19:00 horas; en Monforte de Lemos, 3 de maio; na Casa Cultura Lois Pereiro, ás 20:15 horas; en Portomarín, 5 de maio; na Igrexa de San Xoán, na parroquia de San Nicolás, ás 19:00 horas; no Saviñao, 9 de xuño; na Igrexa de San Estevo de Ribas de Miño, ás 19:00 horas; en Castroverde, 30 de xuño; na Igrexa de Santiago de Vilariño, ás 19:00 horas; en Viveiro, 11 de xullo; Teatro Pastor Díaz, ás 20:30 horas; en Alfoz, 15 de setembro; na Igrexa do Castro, ás 19:00 horas; Lugo, 13 de outubro; e na Catedral de Lugo, ás 17:00 horas.

O son do tempo, é a exposición que se inaugurará nos vindeiros días na Capela de Santa María, na que destaca a colección máis importante en Europa de instrumentos de corda medievais dos séculos XII e XIII. Nesta mostra haberá unha selección de instrumentos medievais do CENTRAD, que foi declarada pola Xunta visitable de contido especializado no 2008. Unha colección que abrangue instrumentos de música, tanto do patrimonio musical galego como numerosos exemplares procedentes doutras culturas, instrumentos mecánicos, obxectos e xoguetes sonoros, indumentaria tradicional e réplicas en preto de iconografía musical. O Goberno da Deputación é pioneiro na recuperación de instrumentos medievais grazas ao traballo coordinado entre artesáns, organólogos, historiadores de arte e músicos que se ven desenvolvendo no Obradoiro Instrumentos musicais dende fai anos.

Etiquetas