Nace a Asociación de Apicultores Serra da Carba de Vilalba

Vinte e dous afeccionados ás abellas conforman a Asociación de Apicultores Serra da Carba, presidida por Iván Díaz. A entidade loita contra a presenza cada vez máis importante da avespa asiática, retirando os seus niños e promovendo campañas de trampeo. Esta asociación naceu principalmente pola preocupación existente dentro do territorio pola invasión da avespa velutina e outras especies invasoras e as agresións que está a sofrer o medio ambiente nos últimos tempos.

A apicultura é unha afección en alza no municipio de Vilalba onde hai arredor de 70 explotacións censadas. Pode converterse nunha boa fonte de ingresos complementarios para a xente do rural.

Estes socios, de entre 25 e 70 anos, xa formaban parte da asociación de apicultores da zona de San Simón e tiñan colmeas, así que o paso máis normal era xuntarse para falar e sobre todo pola preocupación polo tema da avespa velutina. Nesta asociación hai xente que conta con 100 ou máis colmeas, pero hai outros que aínda están empezando e só teñen dúas.

Están a facer charlas nas parroquias de diferentes concellos sobre a prevención e a erradicación da avespa velutina, xa que non só é un problema para as súas abellas, senón para a xente e o ecosistema en xeral. Pero as súas charlas tamén tratan de promover unha apicultura respectuosa co medio ambiente, de poñer en valor o consumo do mel de proximidade e sobre todo de crear unha rede de intercambio de experiencias e de saberes. Proximamente impartiran a seguinte charla na Pastoriza e participarán na XXV Feira do Queixo de San Simón de Vilalba.

Para Iván Díaz é importante que a xente se involucre no trampeo, xa que “é un problema globalizado que require de solucións conxuntas”. Este anos retiraron 40 niños e capturaron máis de 2.000 raíñas. As cifras supéranse ano a ano, quizais porque consiguen mellorar a técnica de trampeo.

Co inicio da primavera hai que comezar coa colocación das trampas. “É moi importante revisalas os primeiros días diariamente e, despois, de xeito semanal, e se se ve que non hai resultados, hai que retiralas. O ideal para capturalas é instalalas preto da árbores froiteiras, camelias ou rododendros”, engade Iván.

O Concello de Vilalba comprometeuse a repartir trampas e atraénte para o trampeo, aínda que inicialmente vanse empregar trampas comerciais da marca Veto-pharma, que é a que mellor resultado ten según Iván, aínda que dende a asociación comprométense a explicar como facer as trampas e o atraente caseiro. O que lle piden á xente dende a asocicación é que sexa coidadosa e que chame ao 012 para a retirada de niños, algo que ten que facer persoal especializado. Tamén piden precaución cando se vaia desbrozar xa que pode haber niños a poucos metros de altura ou tamén na terra.

Etiquetas