Resoltos 39 postos de traballo do plan laboral Tecendo Emprego da Deputación

O Goberno da Deputación aprobou en Xunta de Goberno a selección dos traballadores do Tecendo Emprego. Así o avanzou a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo, quen subliñou que “en total, ofertáronse 56 perfís profesionais, en 41 asociacións lucenses. 39 persoas xa foron seleccionadas e formalizarán o seu contrato na vindeira semana, polo que comezarán a traballar de maneira inmediata. Así mesmo, acordamos convocar de novo 17 postos que resultaron vacantes. Estes perfís manterán as mesmas condicións e bases. A maiores, ampliamos o número de titulacións para acceder a aqueles postos nos que se requiría un único título específico”.

Dos 56 perfís profesionais que se ofertaron a través do plan laboral, Tecendo Emprego, un total de 17 postos de traballo quedaron vacantes, polo que, tras a aprobación na Xunta de Goberno extraordinaria volverán a convocarse. A partir do 22 de abril e ata o 6 de maio (10 días hábiles), as persoas interesadas en inscribirse nalgún destes postos de traballo, poderán facelo a través da Axencia de Colocación da Deputación. Os interesados deberán rexistrarse neste portal como demandante de emprego, incluír a documentación necesaria como o currículo e inscribirse no perfil profesional do Tecendo Emprego que máis lle interese.

Os postos vacantes son os seguintes:

– Na liña novel (menores de 35 anos sen experiencia laboral) son 12 empregos: asesor/a técnico para explotacións leiteiras na Asociación Sectorial Láctea e Agrícola Galega (Chantada); asesor/a explotacións gandeiras na Asociación Profesional Gandeiros de Lugo; asesor/a explotacións gandeiras na Asociación Profesional Gandeiros de Lugo; asesor/a técnico empresarios do medio rural na Asociación de Desenvolvemento Rural ODEGA (Guitiriz); Tramitador/a fiscal e laboral a entidades do rural na Asociación de Desenvolvemento Rural ODEGA (Guitiriz); monitor/a de informática para centro ocupacional na Fundación Protección Discapacitados psíquicos de Vilalba Terra Chá (Vilalba); terapeuta ocupacional na Asociación COGAMI da Mariña; mestre educación especial en ASPANANE (Viveiro); terapeuta ocupacional en AUXILIA Lugo; terapeuta ocupacional na Asociación Ágora (Monforte de Lemos); responsable programa de inserción laboral no ANPA Colexio Educación Especial Santa María de Lugo (Lugo); terapeuta ocupacional en ASPACE (Lugo).

– Na liña veterano (de 30 á 50 anos) son un total de 2 postos de traballo: técnico de actividade física na Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Monforte (Monforte de Lemos); peón especialista na Asociación Territorio Verde (Cervantes).

– Na liña sénior (maiores de 50 anos) son un total de 3 postos de traballo: coidador/a; COGAMI da Mariña; educador/a social en ASPANANE (Viveiro); monitor/a na Asociación os Pinchacarneiros (Lugo).

Os 39 novos empregados, tras resolverse o proceso selectivo, comezarán a traballar de forma inmediata, unha vez, formalizada a contratación dos empregados, por parte da entidade social; proceso para o cal contan con 5 días hábiles dende ó 22 de abril ao 26 de abril. O resto de persoas solicitantes, quedarán en listaxe de reserva por si algún traballador non superara o período de proba, ou para os casos nos que poidan xurdir baixas de longa duración, maternidade, ou outras circunstancias.

Etiquetas