O parlamento aproba unha iniciativa socialista para reivindicar o papel dos produtores agrarios e gandeiros do leite

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Raúl Fernández, defendeu un maior protagonismo dos produtores agrarios e gandeiros na cadea de valor da industria do leite. Así o dixo no debate dunha proposición non de Lei que presentou hoxe no Pleno do Parlamento para reclamar a intervención da Xunta na defensa destes actores na comercialización e industrialización do leite, que foi aprobada hoxe.

O responsable socialista reclamou unha “maior participación dos produtores”, que hoxe teñen que vender o leite ao prezo por litro máis baixo de Europa, e urxiu á Xunta a presentar un Plan Estratéxico “prioritario pola elevada dependencia da produción de leite” por boa parte do interior de Galicia.

Neste sentido, explicou que as 70.000 explotacións que había censadas hai 25 anos pasaron a 7.400 concentradas en 4 comarcas do norte de Lugo e Pontevedra e o interior de A Coruña –sinaladamente a Terra Chá, Deza, Ordes e Xallas-. A produción de leite duplicouse neste período –de 1,5 a 2,7 millóns de toneladas ao ano-, ata chegar a que Galicia aporta o 40 por cento do leite do Estado, un referente da produción do Estado que ten ás explotacións en risco.

A falla de sustentabilidade, dixo, deriva da falla dunha industria transformadora para concederlle valor engadido á produción, a falla dun tecido produtivo “potente” que actúe nas distintas fases da cadea, a urxencia de aumentar a base territorial das explotacións e evita a compra de forraxes e pensos foráneos, e a falla de man de obra cualificada.

Fernández chamou á implicación do goberno galego, que ten aprobado uns orzamentos “insuficientes para reverter a situación”, que “non parecen reflectir un impulso suficiente para darlle un xiro á situación” e “non casan coa Lexislatura do Rural que está a anunciar o presidente da Xunta”.

Etiquetas