O BNG envía centos de postais a Monte Pío reclamando un Xulgado de Violencia de Xénero

O BNG continúa en Lugo coa campaña para lograr a creación dun Xulgado Específico de Violencia de Xénero. Despois de presentar iniciativas nas distintas institucións, desde a formación nacionalista enviaron hoxe centos de postais a Monte Pío reclamando a Feixoo que inicie os trámites necesarios para que Lugo conte con este Xulgado. “Desde o BNG continuaremos con esta campaña até que Lugo conte co Xulgado de Violencia de Xénero” indicou Maite Ferreiro, e engadiu “hoxe transladamos tamén esta preocupación ao Presidente da Xunta por que entendemos que a súa implicación tamén é necesaria para conseguir este obxectivo”.

Neste momento unicamente as cidades de Vigo e Coruña dispoñen de xulgado específico de violencia de xénero. A posta en marcha deste xulgado en Lugo podería dar cobertura a toda a provincia e compre unha dotación mínima de persoal que inclúe as figuras de xuíz, fiscal, forense, secretario e funcionariado adscrito. Este xulgado podería atender os casos de violencia: maltrato, acoso e custodia de menores, ademais do seguimento de ordes de afastamento antes e despois do xuízo.

O Xulgado Específico de Violencia de Xénero terá que dar atención a mulleres das diferentes comarcas, para que estes casos teñan un tratamento axeitado. A proposta que defendemos suporía comarcalizar o servizo e que o Xulgado acollese todos os casos que se produzan en Lugo, sendo atendidos por profesionais especializados e con formación na materia. Neste momento non existe unha quenda específica de turno de oficio con profesionais para atender este tipo de casos.

En 2018, segundo os datos publicados polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) na provincia de Lugo cometéronse 696 delitos de violencia machista, case dous ao día, incrementándose a respecto 671 cometidos no ano 2016. No conxunto do estado contabilizouse a cifra total de 163.132 delitos de violencia machista. Desde o BNG queremos este recurso para atender de maneira acaída as mulleres da provincia pero tamén queremos que a campaña que hoxe lanzamos sirva para concienciar o conxunto da sociedade.

Etiquetas