Skip to main content

Por Pablo Veiga

Hai algo máis de dous centos anos, desde Galicia saiu cara o Novo Mundo unha expedición, dentro da cal se atopaban uns vinte nenos, coa misión de levar a vacina contra a varíola (viruela), que viña de ser descuberta recentemente. Unha enfermidade contaxiosa e que ata a época resultaba devastadora, cuns elevados índices de mortandade entre aqueles que a contraían.

A historia deses cativos, con idades inferiores ós dez anos, plasmouna nunha magnífica novela a escritora María Solar, coñecida tamén pola súa faceta de presentadora en programas da radio e televisión galegas, unha muller que foi quen de realizar as carreiras universitarias de maxisterio, bioloxía e xornalismo, compaxinándoo coa súa labor creativa, xa que acredita varias publicacións de éxito considerable. Ese libro é Os nenos da varíola, escrito de forma clara e sinxela,  despertando no lector uns sentimentos de emoción e admiración polos personaxes principais e polas súas peripecias, transportándonos a ese momento histórico de principios do século XIX. E por suposto, o máis importante, narrando unha realidade, desafortunadamente pouco coñecida, como foi a proeza de expandir a vacina contra un mal tan letal como era a varíola.

A novela é unha homenaxe a eses pequenos, internos en hospicios, destino  daqueles que ou ben eran orfos ou ben non tiñan quen se fixera cargo deles nunha época de miseria e atraso. Pero tamén é un recoñecemento a unha muller como Isabel  Zendal, rectora do centro da Coruña do que saíron a maior parte deses nenos que levaron a vacina no seu corpo e que fixeron unha longa travesía en barco ata chegar ás Américas. Isabel foi unha auténtica heroína, xa que ela tamén formou parte do grupo e á que lle foi outorgada unha gran responsabilidade na misión, a pesares de ser unha persoa que carecía de formación e coñecementos médicos, pero que estaba repleta de entusiasmo, compromiso e implicación. A propia autora, María Solar, tense lamentado da escasa valoración a un feito como o reflectido nesta novela, ante a repercursión que tivo a nivel mundial, e ós seus protagonistas principais. Como ben relfexionou, noutras latitudes, Isabel Zendal e eses nenos terían estatuas, nomes de rúas ou parques en vilas e cidades, produciríanse documentais e películas, porque serían motivo de orgullo ó seren parte da propia Historia dun pobo. Estase dando algún paso, como a creación do premio de enfermería que leva o nome desta muller, pero son insuficientes. Cumpriría divulgar esta proeza e poñer en valor o que os seus actores levaron a cabo hai dous séculos, porque as consecuencias para o conxunto da humanidade así o merecen. Un deses meniños, segundo parece pola súa partida de bautismo, foi dunha parroquia próxima á nosa bisbarra, Xiá, que por razóns que son doadas de imaxinar acabaría no hospicio, desde o cal foi transportado nun barco cara o Novo Mundo, convertíndose xunto ós seus compañeiros en responsables de mellorar as expectativas de vida dos seres humanos.

Merece a pena a lectura deste libro. Sen ningunha dúbida.