Breve viaxe á capital burgalesa

Por Raul Río

Uns din que Pío Baroja e outros din que foi Miguel Unamuno quen dixo que o carlismo cúrase lendo e o nacionalismo viaxando. Xa fora un ou outro eu non estou moi de acordo con esa aseveración, e si non viaxo moito non é por medo a que sexa verdade e perda ese amor á patria que me viu nacer e me quite esa idea que levo impregnada desde neno; como tamén me gusta ler aínda que nunca fun carlista, porque aprendes a pensar por ti mesmo e asimilas outras culturas diferentes da nosa.

O outro día fixen unha breve viaxe á capital burgalesa, berce de Rodríguez de Vivar, icona dos nacionalistas españoles, e do “Cantar del mio Cid”.

Saímos de Santurtzi e deixamos a provincia de Bizkaia para cruzar toda a de Araba antes de internarnos na provincia de Burgos e chegar a capital, entre o verdor pardo dos campos de trigo e os montes pelados, secos e ermos, característicos da meseta castelán.

Lembrei a Rosalía, os seus versos sobre os segadores e pensei nas penalidades que tiveron que pasar aqueles homes na canícula do verán por aqueles campos desérticos nos que non hai, como dicía a poeta, “nin arbres que che den sombra, nin sombra que preste alento…”

Chamoume a atención que despois de recorrer as dúas provincias de Euskal Herria e a española de Burgos, non se vira un triste eucalipto, nin sequera no xardín dunha casa, como facían antes na Galiza as familias podentes para presumir da súa crase. Isto fíxome pensar si serían eles os que están equivocados ou si o estamos nosoutros, que maltratamos a nosa terra plantando tantos eucaliptos que arruínan a produtividade do noso rural, para maior gloria dos pirómanos e da multinacional ENCE, en cuxo consello de administración rematan os xerifaltes dos dous grandes partidos españois cando deixan a política.

A viaxe tiña como fin visitar a unha familiar que estaba ingresada no flamante Hospital Universitario daquela provincia, polo que tiven a ocasión de observar a monstruosidade, escasa funcionalidade e a innecesaria grandiosidade faraónica daquelas instalacións tan inmensas como inútiles, con respecto á poboación que ten que atender.

Vese a simple vista que o hospital é produto dun gran pelotazo, un negocio redondo para o contratista, xa que despois de construílo quedouse coa xestión e unha rendebilidade anual dun 6,92% por cento, garantida pola Xunta de Castilla León, que é quen lla ten que pagar en caso de non conseguila pola súa conta, malia que cando o presidente autonómico Juan Vicente Herrera o privatizou prometeu que sería más barato, máis rápido e que non aumentaría a débeda pública, pero ningunha das tres promesas se cumpriu.

Despois desta pequena viaxe doume conta do fracaso e da ruína que supón para nosoutros esa política de privatizacións que tamén está practicando Feixoó, para acabar coa nosa sanidade pública poñéndoa en mans dos seus amigos e familiares, e cheguei á conclusión de que o nacionalismo non se cura viaxando; porque, si fora certo, pensaría que a maior parte dos españois non viaxan nada, pois o nacionalismo dalgúns deles é (consciente ou inconscientemente) exacerbado e supremacista, o que aínda os fai andar por aí con aquelo de “una grande y libre” e “la unidad de destino en lo universal”, por iso encirraban ás masas mais descerebradas para que berraran aquelo de “a por ellos”.

Agora, despois de ver a pobreza da meseta castelán valoro moito mais os campos vizosos da nosa terra e doume conta de que Galiza non é probe, senón que está empobrecida polas políticas centralistas que nos aplican desde Madrid e desde a Xunta.

Por todo isto penso que esta breve viaxe valeu a pena, pois reafirmoume na miña forma de pensar e, ademais de poder visitar á familiar, fíxome recapacitar sobre todas estas cousas e amar mais á terra que me viu nacer.

Etiquetas