Cine galego e en galego

Por Pablo Veiga

O mes de maio, o da primavera por antonomasia, cando o noso País está máis verde e florido que nunca, no que se rinde culto á Virxe de Fátima, teñen lugar Os Milagres de Saavedra e celébrase a Santa Rita, é no que conmemoramos o Día das Letras Galegas, este ano dedicado a Antón Fraguas. E unha nova que nos enche de satisfacción chegou tamén en maio desde o sur de Francia, concretamente da cidade de Cannes, onde ten lugar o famoso festival de cine.

O premio do xurado á mellor longametraxe na sección que competía foi para a película O que arde , dirixida por Oliver Laxe, quen aborda un problema que nos atinxe, como son os incendios forestais, tendo como escenario a beleza singular e atraínte dos Ancares, achegándonos á realidade daqueles que loitan contra o lume, dos que o prenden e das relacións entre veciños. Un filme con peculiaridades significativas, nas que cómpre suliñar unha, que está rodada en lingua galega –a primeira vez que se proxecta en Cannes un traballo no noso idioma-. Outra característica a remarcar é que os seus protagonistas non son actores profesionais, senón que esta foi a súa iniciación no séptimo arte.

Amador Arias, da Fonsagrada, e sobre todo Benedicta Sánchez, do Corgo, quen representan a un fillo e á súa nai, conquistaron co seu bo facer á crítica e ó público en xeral que visualizaron en Cannes a película. A actriz improvisada, que se presentaba como unha vellouca que anda cunha roda e roza as silvas dos balados na súa aldea, non dubidou en bailar unha muiñeira na mesma alfombra vermella diante dos xornalistas que cubrían o evento, amosando un glamour e unha grandeza que en absoluto envexaba ás divas coas que compartiu honores na recente edición deste prestixioso festival de cine.

A naturalidade e autenticidade de ámbolos dous resultou ser unha das claves do éxito da cinta de Oliver Laxe, de berce parisino, pero de raíces maternas na Montaña lucense e criado nas rúas do barrio coruñés da Gaiteira, destino no cal moitas familias chairegas desenvolveron as súas vidas.

Esta é unha proba nítida e contundente da grandeza da nosa lingua. Nada menos que nun dos mellores festivais de cine do mundo, unha película rodada integramente en galego, concursou e foi quen de merecer o galardón sinalado, así como o recoñecemento dos espectadores que a viron, cunha longa e sentida ovación tra-la súa proxección.

O que arde é un exemplo do traballo desenvolvido polo audiovisual galego nos últimos tempos. Numerosas creacións en forma de series televisivas, películas e documentais, producidas en Galicia e na lingua galega, están a ter un considerable éxito, non só aquí senón tamén alén das nosas fronteiras. Todo un elenco de directores, guionistas, actores e moitos outros profesionais que son de primeirísimo nivel, motivo para sentírmonos orgullosos delo.

En galego estamos no mundo. E o mes de maio do ano dous mil dezanove demostróunolo desde unha magnífica cidade francesa bañada polo mar Mediterráneo.

Etiquetas