Toman posesión as corporacións municipais sen sobresaltos

As corporación dos concellos de toda España celebraron onte o seu pleno de constitución sen sorpresas e cos pactos anunciados formalizados. Deste xeito, en Vilalba hai cambio de goberno con Elba Veleiro á cabeza.

A socialista destacou que “hoxe é un día histórico para a democracia. Entre todos os veciños de Vilalba conseguimos que sucedera, que o cambio de goberno fose unha realidade”. Afirmouno na toma de posesión como Alcaldesa de Vilalba que tivo lugar este sábado no Concello tras gañar as Eleccións Municipais. O PSOE acadou 8 dos 17 concelleiros que integran o pleno da corporación despois de ser a forza máis votada con 3.703 votos, 600 máis que nos anteriores comicios.

“Quero dar as grazas aos veciños de Vilalba que se sumaron ao cambio, a través dun proxecto claro e decidido como o do Partido Socialista. Comeza un tempo novo, deixando atrás os anos en branco e negro do PP. É o momento de mirar cara adiante, ao futuro. E o faremos cunha xestión transparente e fomentando a participación dos veciños, traballando de xeito responsable e tendendo a man a todos os grupos políticos”.

A actual rexedora socialista subliñou que estes resultados “corresponden a anos de dedicación e esforzo por parte de moitos compañeiros de partido que sempre creron nun Concello máis aberto e igualitario, da man do PSOE”. Elba Veleiro tamén tivo palabras de agradecemento para os Concelleiros de Vilalba Aberta que co seu apoio permitiron que a socialista sexa a rexedora do municipio.

A recente alcaldesa estará acompañada no Goberno Municipal polos Concelleiros socialistas, Rodrigo Pavón Prieto, Marta María Rouco Seoane, Luis Fernández Álvarez, Vanesa Siso Calvo, Ignacio Criado Montenegro, Antía Rama Rivas e Xosé Teixeiro Pérez.

GUITIRIZ

Tamén, a Secretaria Local do PSOE en Guitiriz, Marisol Morandeira, tomou posesión este sábado como nova alcaldesa do municipio. Fíxoo tras acadar a maioría absoluta nas Eleccións Municipais e conseguir 7 concelleiros dos 13 que forman o Pleno da corporación.

Marisol Morandeira mostrouse satisfeita e orgullosa polo apoio maioritario da veciñanza, “1.600 persoas que escolleron o noso proxecto progresista para seguir mellorando Guitiriz”. A actual rexedora tivo unhas palabras de agradecemento para Regina Polín, a Alcaldesa saínte, “polo seu enorme esforzo e dedicación constante durante tantos anos para conseguir que Guitiriz fose un Concello con todas as necesidades básicas cubertas e referente da Terra Chá. Grazas por darme a oportunidade de estar hoxe aquí”.

“Imos ser positivos porque é o que necesitan os veciños de Guitiriz, tal e como nos ensinou durante todos estes anos quen ata hoxe liderou o Concello, Regina Polín. Agora temos a responsabilidade de cumprir cos veciños de Guitiriz. Traballaremos para todos e todas, para conseguir que o municipio medre e continúe avanzando, conseguindo o Guitiriz que todos queremos. A nosa misión é construír, buscando apoios no Pleno nos asuntos máis relevantes para os veciños e facendo do Concello unha casa aberta a todo o mundo”.

A actual Alcaldesa de Guitiriz estará acompañada no equipo de Goberno polos Concelleiros socialistas, Paula Campo Barral, Carlos Plácido Buján López, Laura Ageitos Miragaya, Iván Morado Corral, Ainara Pérez Losada e María del Pilar Vázquez Ares.

Os concellos chairegos quedan constituidos finalmente como se anunciara:

  • Vilalba. Elba Veleiro (PSOE) co apio de Modesto Renda (Vilalba Aberta)
  • As Pontes. Valentín González Formoso (PSOE)
  • Guitiriz. Marisol Morandeira (PSOE)
  • Abadín. José maría López Rancaño (PP)
  • A Pastoriza. Primitivo Iglesias (PSOE) en coalición con Elva Carrera (BNG)
  • Begonte. José Ulla (PP)
  • Castro de Rei. Francisco Balado (PP)
  • Cospeito. Armando Castosa (PP)
  • Friol. José Ángel Santos (PP)
  • Meira. Antonio de Dios (PSOE)
  • Muras. Manuel Requeijo (BNG) en coalición con Mario Rouco (PSOE)
  • Outeiro de Rei. José Pardo (PP)
  • Pol. Lino Rodríguez (PSOE)
  • Rábade. Francisco José Fernández Montes (Independientes) en coalición con Alejandro Martínez (PSOE)
  • Riotorto. Clemente Iglesias (PP)
  • Xermade. Roberto García (PSOE)

Etiquetas