A Xunta solta máis de medio millón de parásitos contra a avespiña do castiñeiro

A Consellería do Medio Rural vén de rematar as soltas de individuos do parasito Torymus sinensis en todos os concellos da provincia de Lugo para loitar contra a avespiña do castiñeiro.

Soltárose en total máis de 557.000 individuos, con especial intensidade na comarca de Quiroga, zona que conta cunha importante produción de castañas.

No conxunto de Galicia, a consellería soltou 1,6 millóns de parasitos que supuxeron un investimento de 2,1 millóns de euros. Trátase do dobre de individuos que o ano anterior, ao conseguir autorización por parte do Goberno central, como ente responsable de autorizar estas soltas experimentais.

As accións estanse
levando a cabo para frear a expansión deste insecto, pois ademais desta loita biolóxica tamén se están estudando a aplicación de medidas silvícolas e actuacións relacionadas coa mellora xenética no Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Pontevedra).

Igualmente, a Consellería do Medio Rural realiza tratamentos gratuítos en castiñeiros particulares, previa solicitude, para combater a enfermidade do cancro mediante a inoculación de cepas hipovirulentas en castiñeiros afectados. Así, no primeiro semestre deste ano tratáronse 4.462 exemplares na provincia, coa previsión de continuar no outono.

A Consellería do Medio rural dedica este ano para sanidade forestal un orzamento de 4,85 millóns de euros para protexer a riqueza dos montes de Galicia e contribuír así ao mantemento dos aproveitamentos forestais dun xeito sustentable, como fórmula para a xeración de riqueza no medio rural galego. Estes fondos dedícanse fundamentalmente para loitar contra as diferentes enfermidades forestais como a propia avespiña ou o cancro do castiñeiro e o gorgullo do eucalipto, entre outras.

Etiquetas