Candia presenta o seu proxecto para gobernar a Deputación

A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, enviaralle unha carta aos grupos con representación provincial, PSOE e BNG, para presentar o seu proxecto de provincia para gobernar a Deputación de Lugo os vindeiros catro anos.

“Unha vez que demos a coñecer o equipo de traballo que me vai acompañar neste mandado, explica, temos que pedirlles a socialistas e nacionalistas que non nos impidan gobernar, posto que somos o partido que os veciños elixiron para gobernar, o que gañou as eleccións do mes de maio e temos un proxecto solvente que levar a cabo. Mentres o noso proxecto podería poñerse en marcha mañá mesmo, os outros partidos nin tan sequera contan cun acordo que lles permita gobernar xuntos, pese ao tempo que pasou desde os comicios”.

A popular considera que o PSOE vive un momento de grande inestabilidade cando a provincia merece un Goberno que só pense nos veciños e veciñas, capaz de antepoñer os seus intereses ás leas internas entre eles. “Con este obxectivo damos un paso adiante e pedirémoslles que non nos impidan gobernar para poder acometer o noso proxecto para o futuro da provincia de Lugo”, precisa.

Candia recorda que o PSOE deu un espectáculo vergonzoso pelexando polo sillón do presidente, un sillón que os veciños non lle deron. Así, pídenlle ao BNG que, tendo e conta o acontecido neste mandato, recorde as súas declaracións cando deixaron de formar parte do Goberno “teña alturas de miras e pense nun goberno de proxectos e principios”.

Naquel momento o BNG lamentaba “a rotura desa confianza que ten que haber nun goberno para que isto funcione”.

A popular lembra, sen embargo, que nos meses nos que o PP gobernou non houbo unha soa queixa por parte dos nacionalistas á súa xestión.

O equipo que encabeza a presidenta do PP de Lugo busca consenso e ofrece traballo e compromiso. “Ser o partido que gañou as eleccións lévanos a intentar falar do que nos une e traballar por unha institución que funcione con normalidade, con moita intensidade e devolvéndolle a imaxe que merece”, indica.

Trátase, como xa avanzou onte a popular, de buscar a colaboración institucional entre as administracións, como un mecanismo de progreso. O proxecto do Grupo Provincial do PP para os vindeiros catro anos estará centrado en potenciar os servizos sociais, o emprego e desenvolvemento do sectores produtivos, a xuventude e a infancia, avanzar no reto demográfico, a mellora das infraestruturas ou a posta en valor do potencial mediambiental, cultural e turístico do que dispón a provincia.

Etiquetas