Oito centros educativos da Comarca reciben unha achega para reformas

Os populares da comarca da Terra Chá e Meira poñen en valor que “un total de 8 centros educativos de seis concellos da zona se verán beneficiados dunha achega de máis de 134.800 euros por parte da consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional dirixidos a acometer obras de mellora das súas instalacións neste verán”. Pero, “a este investimento hai que engadir tamén o que o Goberno galego dirixirá á instalación dunha caldeira de biomasa no IES Lois Peña Novo de Vilalba”.

Estas reformas, que contribuirán á mellora da seguridade e accesibilidade a estes centros, “permitirán a súa posta a punto de cara ao inicio do vindeiro curso 2019-2020 interferindo o menos posible no habitual desenvolvemento do curso escolar”.

Dende o Partido Popular sinalan que “estas achegas adicionais complementarán as obras xa previstas para executar este verán en relación á mellora da eficiencia enerxética de colexios e institutos do municipio”.

Os populares agradecen este esforzo inversor que permite “actuar nestes centros ao longo destes anos” atendendo os requirimentos trasladados pola comunidade educativa.

Obras concretas
Á dotación dunha caldeira de biomasa ao IES Lois Peña Novo de Vilalba, hai que engadir o cambio de ventás nese mesmo centro grazas á achega de preto de 28.000 euros; o cambio de carpintería do IES Pedregal de Irimia en Meira con máis de 22.700 euros ou a instalación dun termo de 30 litros no IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz para o que o departamento de Educación do Goberno galego dirixe algo máis de 340 euros.

As actuacións de mellora a realizar este verán estenderanse aos colexios Ramón Falcón de Castro de Rei en relación á instalación eléctrica para o que a Xunta achega 34.000 euros, a reforma da rede eléctrica do CEIP de Muimenta con máis de 3.700 euros e no de Xermade con máis de 5.400 euros. O CEIP Terra Chá, en Vilalba, verase beneficiado de máis de 16.000 euros para o cambio de ventás; mentres que no CEIP Poeta Avelino Díaz de Meira se construirá a soleira cun investimento de máis de 24.000 euros.

Máis de 55.000 euros en accións para o fomento da igualdade
Os populares tamén poñen en valor a aposta da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, polo fomento da igualdade “como demostra a convocatoria de axudas a entidades locais para levar a cabo distintas iniciativas”. Así, tres municipios chairegos reciben máis de 55.000 euros para o desenvolvemento destes programas e accións.

Concretamente, para o funcionamento do Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Vilalba, “o Goberno galego dirixe unha contía de máis de 22.000 euros” que se destinan a financiar os custos de persoal -dirección, asesoramento xurídico, atención psicolóxica e axentes de igualdade- ou de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

Ao fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar o Goberno galego achega algo máis de 4.000 euros para financiar accións en Xermade e 12.000 euros en Guitiriz. O Concello de Xermade recibe tamén un importe de 3.490 euros para desenvolver accións de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres. Nesta mesma liña, o Concello de Guitiriz benefíciase de máis 4.000 euros; pero tamén recibe da Xunta para financiar accións de intervención de carácter integral coas mulleres que sofren violencia, os seus fillos e fillas e as súas persoas dependentes algo máis de 9.700 euros.

Etiquetas