Tres centros da Terra Chá incorpóranse este curso ao proxecto do libro dixital

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar a resolución definitiva da convocatoria para a selección de centros para sumarse ao proxecto de libro dixital (E-Dixgal) no curso 2019/20, segundo a que se sumarán a este programa un total de 80 centros, dos que 11 pertencen á provincia de Lugo. Dentro dese plan, tres centros da Terra Chá sumaranse este ano.

O proxecto E-Dixgal, impulsado pola Consellería e a Amtega, púxose en marcha no curso 2014/2015 cun total de 84 centros educativos e 2.300 alumnas e alumnos na etapa de educación primaria en toda Galicia. Coas novas incorporacións, o E-Dixgal chegará o vindeiro curso a 347 centros de ensino e a 27.000 alumnas e alumnos.

Cómpre lembrar que a iniciativa vai dirixida aos centros educativos galegos sostidos con fondos públicos que impartan o próximo curso ensinanzas de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO e que conten con aulas dixitalizadas (con EDI, proxector, equipo no posto do docente e conexión á rede de datos do centro).

Os centros de primaria que se incorporen impartirán a totalidade das materias en modalidade dixital; mentres que os de secundaria farano en polo menos 6 materias. Ademais, deberán asumir o compromiso de implantar esta modalidade no curso 2019/20 en 5º de educación primaria e/ou 1º da ESO, e de estendela a 6º de primaria e/ou 2º da ESO no 2020/21, mantendo nos cursos seguintes o proxecto educativo dixital neste niveis.

Así, este ano participarán o CEIP de Bretoña, o CEIP Veleiro do Campo de Castro e o CEIP Terra Chá de Vilalba.

Os centros adscritos a este proxecto disporán da conexión á rede axeitada e cos medios tecnolóxicos necesarios na aula, así como para o profesorado e alumnado (cun PC á súa disposición que poden usar tanto en modo portátil como en modo tableta); e terán acceso a unha contorna virtual de aprendizaxe cos contidos gratuítos proporcionados pola Xunta. Así mesmo, terán acceso aos máis de 3.300 recursos do repositorio de contidos do espazoAbalar. Se o centro conta con libros e outros materiais didácticos poderán empregarse como complemento ou apoio. Ademais, desde o curso pasado, tanto alumnado, como familias e profesorado usuario do proxecto E-Dixgal, teñen á súa disposición un Servizo Premium de Atención, Soporte e Acompañamento.

Formación do profesorado
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional consciente de que todo cambio metodolóxico precisa da actualización das competencias docentes está a realizar un gran esforzo na formación do profesorado que participa neste proxecto.

Todo o profesorado dos centros educativos que acceden a E-Dixgal no curso 2019/20 terán formación específica no propio centro que se articulará a través dos Plans de Formación Permanente do Profesorado, para o que recibirán o asesoramento da Rede de Formación do Profesorado. Ademais, realizarase formación específica nos Centros de Formación e Recursos (CFR) e no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) específica para o profesorado participante e coordinador no programa E-Dixgal.

En concreto, durante o curso 2018/19 realizáronse un total de 54 actividades de formación nos CFR e no CAFI á marxe da formación específica nos propios centros educativos, o que supón máis de 700 horas de formación, e emitíronse máis de 1.100 certificacións.

Etiquetas