Remata o obradoiro de emprego dos concellos de Vilalba e Abadín

Os concellos de Vilalba e Abadín clausuraron o obradoiro de emprego financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os 20 participantes que remataron os nove meses de formación remunerada recibiron os seus diplomas nun acto que tivo lugar na casa da cultura de Vilalba, acompañado pola alcaldesa, Elba Veleiro, e o alcalde de Abadín, José María López Rancaño, entre outros. Ao tratarse dun obradoiro dual, a Xunta subvenciona a contratación durante tres meses máis de 11 dos alumnos traballadores en empresas locais.

Neste tipo de proxectos formativos, teñen prioridade as especialidades vinculadas ao eido forestal e ao Camiño de Santiago, dous sectores de gran importancia na provincia de Lugo. Nesta liña, seis alumnos de Vilalba e outros tantos de Abadín recibiron formación en Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.

Realizaron importantes obras en zonas verdes e forestais de ambos concellos, como a mellora do casco urbano vilalbés, tratamentos silvícolas en Pagos de Carballosa e, polo que respecta á Abadín, a posta en valor da ruta dos muíños en Corvite, as áreas recreativas da Roxica en Gontan e Arnela en Castromaior, e o acondicionamento de varios espazos na capitalidade, entre outros.

Ademais, oito participantes no obradoiro formáronse na especialidade de Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos e traballaron na organización e dixitalización do arquivo municipal de Vilalba.

Al alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, destacou a importancia de que nos obradoiros de Vilalba foran todo mulleres, “incluido o forestal, tradicionalmente vinculado ao xénero masculino”, incidindo en que “é unha referencia de a onde debemos camiñar como sociedade”

Etiquetas