Comezan a funcionar dúas novas unidades de atención temperá na Comarca

A Consellería de Política Social financia este ano dúas novas unidades de atención temperá na provincia: a primeira compartida polos concellos de Outeiro de Rei e Castro de Rei, e a segunda polos de Palas de Rei, Begonte, Friol e Guntín.

Deste modo son xa cinco as unidades de atención temperá que prestan servizo a 17 concellos na provincia de Lugo. A atención temperá está considerada un recurso fundamental para os nenos e nenas de 0 a 6 anos con trastornos no seu desenvolvemento ou con risco de padecelos. Este servizo ofrece un conxunto de accións compensadoras, que facilitan a súa adecuada maduración en todos os ámbitos e lles permite alcanzar o máximo nivel de desenvolvemento persoal e de integración social.

En cada Unidade de Atención Temperá traballa un equipo multidisciplinar, cun mínimo de tres integrantes con formación apropiada, e en todo caso, especializados en desenvolvemento infantil e atención temperá.

A Rede galega de atención temperá medrou considerablemente na provincia nos dous últimos anos. Así, no 2018 creáronse dúas unidades, que comparten Antas de Ulla e Portomarín, por un lado, e por outro Abadín, Barreiros, Mondoñedo, Pastoriza, Riotorto, Trabada e Lourenzá.

Etiquetas