Primeira reunión do grupo de traballo local en defensa dunha transición enerxética xusta

Estes días celebrouse, no Concello das Pontes, a primeira reunión do grupo de traballo local en defensa dunha transición enerxética xusta,co obxectivo unir esforzos na procura de solucións á inoperatividade da central térmica pontesa debido aos altos prezos das emisións de CO2 que marca Europa, provocando que a planta pontesa non poida ser competitiva e aportar propostas que contribúan a paliar a situación que afecta ao municipio e a súa contorna.

Durante este primeiro encontro, ademais de realizarse unha presentación dos diferentes actores sociais e políticos que compoñen o grupo de traballo, entre os que se atopan un representante da Asociación de Empresarios SEARA, un representante da Asociación de Comerciantes, Hostaleiros e Empresarios Ponteses (Cohempo), un representante da Asociación do Colectivo de Transportistas do Carbón das Pontes, membros de UGT, CC.OO e CIG en representación das empresas auxiliares, o presidente do comité de empresa, o alcalde das Pontes en representación do Concello e un membro de cada un dos grupos políticos con representación na corporación municipal, acordáronse as principais liñas de actuación para os vindeiros meses na defensa dunha transición enerxética gradual e menos prexudicial para os sectores afectados.

Así, os diferentes actores sociais e políticos que compoñen este grupo de traballo, comprometéronse a poñer sobre a mesa, en próximos encontros, distintas propostas de actuación, dentro dos seus propios ámbitos de acción, para dun xeito coordinado defender a produción de enerxía eléctrica e a posta en marcha de medidas que permitan regular, dunha forma xusta, o elevado prezo das emisións de CO2 e que fagan posible retomar a actividade produtiva da central térmica das Pontes.

Etiquetas