Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Todo comezou nas feiras

Por 13 Agosto, 2019Xaneiro 30th, 2021Sin comentarios

Por Moncho Paz

Dicíamos onte que as orixes do Libro do Xosé databan de 1683, ano no que naceu o tataravó do Chavito. O home en cuestión chamábase Afonso Paz López, fillo de Manuel e María Luisa; os seus pais eran traficantes -ou tratantes- que era a forma popular de denominar á profesión de comerciante, que na nosa familia pasou de xeración en xeración, ata que hai uns meses pechou definitivamente a Casa dos Marios.

As feiras da contorna eran os lugares onde se desenvolvía a actividade comercial, ás que a xente acudía en carros ou a cabalo e onde pasaban o día enteiro, como as San Lucas, en Mondoñedo, consideradas as máis antigas do país, que se veñen celebrando dende o ano 1156 na cidade que foi capital do Reino de Galicia. Outras feiras de renome na provincia de Lugo eran as de Rábade, Cospeito, Parga, Momán, Chantada, Lourenzá ou Viveiro. Supoñían todo un acontecemento social e cultural, imprescindible para entender a importancia dos gremios naquel tempo.

Os arrieiros (semellantes aos actuais transportistas) estaban para coidar os cabalos e os carros, construídos con madeira e ferro e nos que se acoplaban as bestas a base de correas de coiro que preparaban os chamados gornicioneiros, encargados de elaborar as correaxes de xeito artesanal. E os carpinteiros, os ferreiros e os forxadores fabricaban todos os accesorios necesarios para poñer os arreos aos animais. A un dos arrieiros chamábanlle o Pequecho, logo estaba o Greleiro e despois tiñan os seus axudantes Chano, Filo e Lito.

E para a organización das tarefas había tres criadas: Amalia, Anxiña e Bernarda. Unha estrutura imprescindible para o normal funcionamento dunha casa de fidalgos, que trasladada ao noso tempo ben podería denominarse “empresa familiar”, pois daquela todas as persoas que traballaban no mesmo lar considerábanse parte da familia. Os descendentes de Afonso continuaron co mesmo negocio e así foi como colleu o temón o bisavó de Chavito no ano 1751: Pedro Paz de Andrade, fillo de Afonso Paz López e de María de Andrade.

Pedro Paz de Andrade casou con Manuela Fernández Díaz, un matrimonio que non foi ben recibido inicialmente por parte da familia paterna. O amor da parella superou todo tipo de barreiras e, co nacemento do seu fillo Antón, chegou a anceiosa harmonía no fogar. Foi un neno moi desexado e especialmente querido por ambas as dúas partes da familia.

Antón Paz Fernández, o avó do Chavito, foi fillo único e coa herdanza recibida acadou unha notable situación económica. Como di o refrán popular “tanto tés, tanto vales”, unha expresión que aínda se emprega no século XXI e incluso aparece na letra de varias cancións.

E Antón, que perdera ao seu pai prematuramente, fíxose cargo do patrimonio da familia e do coidado de Manuela, que quedou viúva sendo moi nova. Este feito foi determinante na vida de Antón, que non casaría ata preto dos cincuenta anos, cando se produciu o pasamento da súa nai. A rapaza que lle roubou o corazón chamábase Antonia Bello Prado e contaba tan só con vinte e dúas primaveras.

A parella tivo catro fillos: Xosé María, María Xosefa, Mario e Xosé Antón. A súa situación económica era envexable, pois Antón Paz era posuidor dunha  fardela de moedas da época, froito do desenvolvemento do seu negocio. Tiña unha finca pechada e amurallada onde sementaba e recolleitaba de todo, cunhas comodidades excepcionais e certos luxos para a vivenda, tanto de ornamentación exterior como de decoración de interiores. Pero un día, aproveitando que saíra da finca, sufriu un roubo que mudou de súpeto a súa existencia.

Alguén apropiouse indebidamente da fardela onde gardaba os aforros de toda a vida e, co desgusto, enfermou e tivo que poñer á venda a propiedade familiar e orientar aos seus herdeiros cara ao camiño da emigración a Cuba. A súa muller foise vivir cos seus pais e coa axuda da renda da casa da que era herdeira usufrutuaria tiveron finalmente a boa sorte de alugala á empresa que instalaría o servizo eléctrico na vila. Corría a primeira década de 1900.

Ata aquí contamos a catro xeracións da familia Paz. Da quinta nacería o meu pai, o Chavito, fillo de Mario Paz Bello e María Guntín Prieto; pero esa xa é outra historia.