Skip to main content
ActualidadeVilalba

Abre en Vilalba unha exposición sobre Fraguas

Por 24 Agosto, 2019Sin comentarios

O proxecto Os Nove anos de Fraguas en Lugo está composto polo libro que leva o mesmo nome e que recolle textos dos promotores desta iniciativa e doutros amigos e antigos alumnos de Antonio Fraguas, sobre os anos que este pasou en Lugo, e da profunda pegada que deixou na cidade e na sociedade lucense. Conta ademais cunha exposición itinerante, composta por doce paneis, nos que se resumen os contidos do libro, e que está a percorrer toda Galicia; e a web fraguasenlugo.org, que recolle todas os contidos da publicación en papel.

O proxecto chegará este luns, 26 de agosto, a Vilalba nun acto que se celebrará ás 12.00 horas na Casa da Cultura coa apertura da exposición, a presentación da web e presentación tamén do libro do mesmo nome.

Os nove anos de Fraguas en Lugo
Convocados polo profesor Manuel Regueiro Tenreiro, que tivo gran relación profesional e persoal con don Antonio Fraguas, reuniron recordos o historiador Antonio Prado Gómez (ao que nada do antigo “Instituto Masculino de Lugo” lle é alleo), e os antigos alumnos do vello profesor, Paco Martín, Xulián Parga e Xulio Xiz, para –por serlle dedicado a Fraguas o Día das Letras Galegas do ano 2019– facer un achegamento á pegada que o Mestre Fraguas deixou na cidade das murallas, e en todos os que tivemos / tiveron a sorte de telo por docente e amigo.

Polo recente pasamento do profesor Manuel Regueiro Tenreiro, a homenaxe a Fraguas ven ser tamén unha homenaxe póstuma ao iniciador deste proxecto, o derradeiro no que con grande ilusión se involucrou.

O proxecto Os Nove Anos de Fraguas en Lugo contou coa colaboración do Colectivo Egeria e de GaliciaDigital no desenvolvemento de todas as accións, e co apoio da Xunta de Galicia.

A mostra, que iniciou o seu percorrido no Instituto Lucus Augusti (onde Fraguas ensinou durante nove anos) foi a continuación ao Instituto Rosalía de Castro de Santiago (onde Fraguas ensinou posteriormente), ao Instituto santiagués que leva o nome do profesor, á Casa das Letras de A Estrada, onde tivo o seu primeiro destino como ensinante, para volver a Lugo á Biblioteca Provincial.