Skip to main content
ActualidadeVilalbaXermade

Alcaldes da comarca reclamarán a reactivación da central térmica das Pontes

Por 29 Agosto, 2019Sin comentarios

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, voltou a reunirse con representantes dos concellos de Vilalba, San Sadurniño, Valdoviño, Ferrol, Fene, Narón, Xermade, Cariño, As Somozas, A Capela, Ortigueira, Moeche, Cerdido, Pontedeume, Cabañas e Lugo para falar sobre as próximas accións que se levarán a cabo co obxectivo de paliar a actual situación de inoperatividade da central térmica pontesa.

Entre as diversas actuacións, que se porán en marcha en conxunto cos concellos, a sociedade, sindicatos e empresarios, está previsto o inicio dunha serie de encerros, promovidos pola Asociación do Colectivo de Transportistas do Carbón das Pontes así como unha recepción, por parte do Ministerio de Industria, o día 10 de setembro, en Madrid, onde se fará entrega dun escrito asinado por 19 alcaldes das comarcas de Ferrolterra, Terrachá e a Mariña Lucense, afectados pola situación que atravesa a térmica pontesa e no que solicitarán a súa reactivación

Nese sentido, González Formoso apuntou que nese documento solicitaranse medidas para que “unha central que está adaptada á normativa ambiental europea máis esixente non teña que sufrir por culpa da especulación dos prezos do CO2  que afecta agora a As Pontes pero que vai  afectar a moitas outras industrias galegas e estatais”

González Formoso fixo fincapé en que “non se pode permitir que o aire que respiramos poida ser unha mercadoría como o petróleo ou as xoias. Un aire que se está comercializando a 25 euros por tonelada provocando que a central térmica estea parada e teña un futuro negro como o carbón”.

O rexedor local recordou que esta segunda reunión de alcaldes da continuidade á celebrada no mes de xullo e na que xe se iniciou “unha reclamación conxunta de toda a comarca ao goberno central e a goberno comunitario para que unha instalación que se está adaptando á normativa europea, como é a central térmica de As Pontes, cunha inversión de 230 millóns de euros, acometéndose a data de hoxe e con 900 empregos indirectos afectados, para que non se faga o sinsentido de tela parada co efecto que ten sobre a economía da comarca”.