Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Os socialistas piden “medidas eficaces” para controlar a sobrepoboación de xabarís

Por 5 Setembro, 2019Outubro 1st, 2019Sin comentarios

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, reclamoulle ao goberno galego que exerza as súas competencias propias e poña sobre a mesa “medidas eficaces” para controlar a “expansión descontrolada” de xabarís en Galicia. Así o dixo logo dun encontro co secretario xeral do sindicato Unións Agrarias, Roberto García, que ven de iniciar o trámite dunha iniciativa popular para debater no Parlamento.

O responsable socialista acusou ao goberno galego de “disparar cara arriba e renunciar a competencias autonómicas que son única e exclusivamente de Galicia”. Fernández Leiceaga trasladou o apoio do Grupo Socialista a esta Proposición non de Lei de Iniciativa Popular que comeza agora o proceso de recollida de sinaturas para que poida ser debatida na Cámara.

Avogou por “sensibilizar ao goberno” para que “poña en marcha medidas eficaces que fagan compatible a necesaria vida salvaxe coa salvagarda dos intereses produtivos, sanitarios e de calidade de vida do medio rural”. Explicou que a sobrepoboación desta especie está a provocar perdas nas explotacións agrogandeiras, así como accidentes de tráficos e riscos sanitarios, ao ser un axente de expansión de enfermidades gandeiras como a peste porcina.

O responsable de UU.AA., Roberto García, reclamou deste xeito a modificación do marco lexislativo para que a Xunta se faga cargo efectivamente tanto das medidas necesarias para controlar á poboación, como da restauración dos danos ocasionados aos gandeiros e agricultores. Reivindicou unha tramitación áxil e orzamentos suficientes para afrontar estes custes, xa que actualmente as partidas dispostas polo goberno apenas chegan ao 7 por cento das perdas.

Advertiu que o goberno galego orzamenta apenas 600.000 euros para uns danos que ascenden a 15 millóns de euros, fundamentalmente nas explotacións de millo, castaña, viñedo ou mesmo nas pradeiras empregadas polo gando. 

Hoxe en día estímase que hai en Galicia en torno aos 165.000 xabarís, que fan das iniciativas de control publicitadas a través de caza con arco, dixo, un “chiste”, mentres o uso de gaiolas provocan riscos de agresividade nos animais nos casos de captura de xabatos, como vén de suceder en Arzúa ou Ponteareas recentemente.