Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

A estela antropomorfa das Coroas de Reigosa

Por 10 Setembro, 2019Sin comentarios

Por Miriam Fernández

O Concello da Pastoriza, límite Norte da Terra Chá, e unha localidade que presenta unha boa mostra de restos do pasado ancestral ou primitivo deste estremo da Chaira, do cal temos constancia gracias ós numerosos asentamentos de distintas épocas da nosa historia que viron a luz: un variado repertorio de importantes túmulos megalíticos con enxoval (120 machados prehistóricos), a suma de máis de 20 asentamentos castrexos (algún deles inéditos)  e o poboado galaicorromano do Castro das Croas de Reigosa.

Neste último asentamento, enmarcado xa en tempos de dominio romano do territorio, atopouse a coñecida estela antropomorfa do Castro das Croas (Reigosa), monumento funerario datado entre os séc. I – III d.C que se conserva actualmente exposta na segunda planta do edificio do Museo Provincial de Lugo.

Un xacemento que foi danado parcialmente polas obras da concentración parcelaria do IRYDA, e do cal hoxe en día só podemos apreciar parte da croa aproveitada para zona de cultivo xunto cos restos das súas murallas pola parte Noroeste.

Foi no 1973 aproximadamente, na zona da croa situada preto do da muralla na súa orientación Sudoeste, onde se descubriron diferentes elementos materiais e a devandita estela, a dous metros de profundidade, entre terra arxilosa e cincenta, nun momento no que se estaban ase realizaban labouras agrícolas e de edificación. Os restos que saíron á luz foron identificados como fragmentos de muíños circulares e barquiformes, ademais de anacos de cerámica castrexa de uso común.

Nembargantes, o elemento máis representativo foi a estela, unha peza realizada en arenisca caliza, fragmentada en dous anacos, cunhas medidas (completa) de 102 cm de longo, dos que 21cm corresponden á cabeza, 44cm ó corpo e 37 ó pé, mentres que a anchura vai dende os 12,5cm (cabeza) e os 21, 5cm (corpo). De fondo tamén presenta unas medidas variables entre os 14 e 15 cm.

O corpo encóntrase decorado con incisións claras e ben rematadas de liñas e aspas que pudieron complementarse con métodos de abrasión para a súa definición. Na cabeza represéntanse as faccións de forma sinxela, mediante círculos para os ollos, un triángulo para o nariz e unha liña para a boca que enmarca toda a cara. As liñas e as aspas que decoran o corpo poden quizais identificarse como motivos decorativos relacionados coa vestimenta de tipo funerario, un ornamento que aparece tamén noutras estelas deste tipo. A parte traseira da estela non está traballada, só presenta un pequeno traballo de desbaste.

En temos xerais a estela ten unha clara figuración antropomorfa (aparencia humana), expresiva e chamativa, como se dunha persoa ataviada para o rito funerario se tratase, preparada para fincarse no chan, como recordo do defunto, ou, como algún estudosos se refiren, a xeito de estatua-menhir. Certos historiadores prefiren non empregar esta última denominación, a de menhir, pois este elemento non corresponde coa cronoloxía na que foi atopada  a estela nin con ningunha significación fálica que se lles soen atribuír nalgúns casos, tendo máis ben neste caso concreto os seus paralelos noutros exemplos como son as estelas de Tins, Troitosende, Ouzande, Bermés ou Paradela.

A falta de epigrafía, o tamaño (máis ben pequeno) e os rasgos xerais, son algunhas das singularidades da estela do Castro das Croas de Reigosa, máis, o material no que foi realizado, é posiblemente a razón ou condicionante clave do tipo de decoración que lle aplicaron. En xeral, as súas características recordan ou teñen unha influencia claramente indíxena (incluso precastrexas), pero o contexto no que foi atopada, e a noción romana de estela funeraria co retrato do defunto, enmárcana nun período no que o dominio do Imperio estaba xa estendido, reforzando posiblemente un tipo de tendencia caracterizada pola produción indíxena en época romana con destino á xente común, é dicir, un tipo de arte popular.

Co desexo de que se poidan extraer máis datos deste xacemento, a estela do Castro das Croas de Reigosa colócase coma un dos elementos artísticos primitivos máis significativos do Concello e un importante exemplo de arte funeraria en territorio galego.