Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Dinamizar o rural

Por 10 Setembro, 2019Xaneiro 30th, 2021Sin comentarios

Por Martiño Maseda

Dinamizar o rural, non sei cantas veces e en cantos lugares e circunstancias diferentes tería escoitado eu esa frase. E despois ollando para moitas daquelas persoas que pronuncian dita sentenza, xorde en min sempre a mesma dúbida: e como pensan facelo? Xa que algunhas desas mentes pensantes nunca pisaron algo que poida considerarse dentro do eido rural ou mesmo as que o pisaron e/ou viviron etapas da súa existencia nel, renegan do mesmo.
Os meus pais foron labregos que viviron da terra que cultivaban e que mesmo amaban e aman, polo menos, a miña nai que aínda pisa sobre ela. E eu canda eles aprendín a amar este mundo rural cada día máis esquecido e desleixado. Se cadra para moita xente tarefas coma chamar as vacas para ir buscar un carro de toxos e estrar as cortes onde elas descansaban, ou arrincar despois o esterco que nesas mesmas cortes o gando fabricaba, ou apañar un leiro de patacas cun raño, ou segar, virar, amoutar e carretar a herba seca, ou segar o trigo e facer medeiros cos monllos que despois se mallaban para conseguir o trigo, que, despois de levalo a moer, se convertía na fariña que se amasaba para facer o pan no forno de leña, ou tantas outras, son tarefas prehistóricas. Pode ser, daquela eu debo ser un individuo prehistórico, porque de todo o que enumerei e deixei de enumerar, fixen ou vin facer. E utilizo o verbo en pretérito porque xa nada diso se fai nin se ve facer, polo menos daquel xeito. Tampouco iso é unha protesta contra o progreso, pero si contra a deshumanización do campo que trouxo o proceso do traballo mecanizado con maquinaria de dimensións tan descomunais, que nin sequera caben polos antigos camiños que cobreguean as aldeas da Chaira.
E aí é onde reside para min outro xeito de dinamizar o rural na reivindicación do pasado e na súa conservación para entender o que somos e cara a onde queremos ir, para seguir sendo nós e non o proceso dunha cultura adventicia. Desa premisa partiu a idea e posterior formalización da convocatoria do Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, que xa vai para a súa segunda edición, e coa que agardamos (Concello de Cospeito, Asociación Cultural de Pino e Culturalia GZ) acadar un éxito similar á primeira, non só como un modo de reivindicar o xénero poético senón coma un alicerce desa Torre de Caldaloba encravada nunha parroquia do rural chairego, e que supón un símbolo de resistencia diacrónica da vida nestes lugares e unha evocación da memoria que nos constitúe.