Porco Celta, Grelos, Patacas e Mel de Galicia, protagonistas nas Exaltacións Gastronómicas de setembro

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o vicepresidente da Asociación Provincial de Hostaleiros de Lugo, Jose Manuel Cela Rodríguez, presentaron este xoves nos xardíns do Pazo de San Marcos as xornadas Exaltacións Gastronómicas…E Para Comer Lugo do mes de setembro. Estas degustacións deron comezo onte, venres, e se prolongarán ata o día 29 deste mes, en 50 establecementos de hostalería de 23 concellos da provincia. Estes restaurantes introducirán nos seus menús o Porco Celta, e grelos, patacas e mel de Galicia cociñados con diferentes estilos.

García Porto destacou que “desde o mes de abril e ata o vindeiro mes de novembro impulsamos, desde a Deputación de Lugo e da man de APEHL, este proxecto co fin de continuar fomentando o turismo gastronómico e dinamizando o sector servizos na provincia. Nesta liña, a través desta programación, poñemos en valor a excelente calidade dos produtos gastronómicos de Lugo a través da degustación de produtos acreditados cos selos de calidade, como son a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ou a Denominación de Orixe (DOP)”.

Coas Exaltacións Gastronómicas, a Deputación continúa apostando pola promoción dos produtos autóctonos de calidade en apoio aos produtores do rural e como clave para o impulso da economía da provincia. Outro dos obxectivos destas xornadas é desestacionalizar o consumo dos produtos como o grelo de Galicia coa fin de darlles continuidade fóra das épocas de produción.

Calendario de Exaltacións Gastronómicas
Estas xornadas gastronómicas realízanse todos os meses exaltando diferentes produtos da provincia. Cada unha ten unha duración de 10 días, comezando en venres e estendéndose ata o último domingo de cada mes. A derradeira xornada do 2019 será en novembro.

Os 50 locais de hostalería participantes incluirán nas súas cartas pratos que conteñan os alimentos seleccionados en cada mes. Na páxina web da Deputación www.deputacionlugo.gal e en www.eparacomerlugo.com pódese consultar os restaurantes participantes, as datas e os produtos que se exaltan cada mes.

Etiquetas