San Paio de Narla presenta a programación para os rapaces durante o ano

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, e a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, presentaron no Museo Fortaleza San Paio de Narla en Friol os programas de actividades escolares dos museos integrados na rede para o curso 2019-2020.

Os departamentos de didáctica dos catro museos -Museo Provincial de Lugo, Museo Fortaleza San Paio de Narla, Museo Provincial do Mar e Museo Pazo de Tor- poñen a disposición dos centros escolares unha programación novidosa que emprega o patrimonio para traballar os 17 obxectivos de desenvolvemento sustentable definidos pola Organización de Nacións Unidas (ONU) en 2015.

A xerente da Rede Museística, Encarna Lago, destacou que “os museos de Lugo serán os primeiros do Estado en que se traballe nos 17 obxectivos de desenvolvemento sustentable que marca a Axenda 2030 e que son de obrigado cumprimento para as institucións culturais”.

Lago enfatizou o simbolismo de presentar unha programación pioneira en San Paio de Narla, “o museo no que se empezou a traballar no ámbito da didáctica, desenvolvendo actividades que supuxeron un amplo recoñecemento, mesmo internacional, para a rede museísta provincial”. “Con esta programación queremos volver a xenerar unha revolución educativa”, concluíu.

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, subliñou a importancia de “transladar aos nenos e nenas o valor do que temos, darlles a posiblidade de coñecelo para que logo o valoren, o coiden e o queiran. Desde as institucións temos a obriga de traballar para que estes proxectos saian adiante e de coidar espazos coma este. Temos a obriga de deixalos en bo estado para as xeneracións que veñan”.

As actividades que se propoñen neste centro de Friol da rede museísta provincial poden consultarse nesta ligazón.

Etiquetas