Tomé mostra o seu apoio aos gandeiros ecolóxicos

O presidente da Deputación, José Tomé Roca, participou nun encontro con máis de 60 gandeiros ecolóxicos de toda Galicia organizado polo Grupo Lactalis Iberia en Doade, no concello de Sober. Trátase dun sector con gran crecemento e con potencialidade para seguir medrando e dinamizando o rural. Tomé lembrou que Lugo é a provincia galega que máis terreo dedica á produción ecolóxica, con máis de 16.500 hectáreas, que supoñen o 49% do total galego.

“Este tipo de gandería adáptase aos consumidores que, cada vez máis conscientes e esixentes, queren produtos de calidade, respectuosos co medio ambiente e co benestar animal. A gandería ecolóxica, ademais de dar resposta a esta demanda, optimiza os recursos da zona e implanta unha xestión do territorio máis responsable”, dixo Tomé, que lembrou o papel da granxa Gayoso Castro como mostra do compromiso que ten a Deputación de Lugo co sector na provincia.

Segundo datos do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), a facturación en 2018 da agricultura e da gandería ecolóxica creceu en Lugo un 33% chegando ata os 29 millóns de euros.

O presidente destacou tamén o traballo do Grupo Lactalis Iberia, que leva 20 anos apostando polo leite ecolóxico, colaborando con 77 gandeiros galegos e apoiando a reconversión, así como dos propios gandeiros, un dos sectores claves da provincia.

Etiquetas