Concello e Xunta reclaman a continuidade da central térmica das Pontes

O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, recabou o apoio da Xunta de Galicia para reclamar a reactivación inmediata e a continuidade da actividade da central térmica das Pontes.

En declaracións aos medios, tras o encontro mantido entre o rexedor local e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, González Formoso explicou que con tal obxectivo, se acordaron tres puntos, “de xeito claro e contundente” que pasan por “reclamar o compromiso ao Ministerio de Transición Ecolóxica e a Endesa da continuidade da central térmica das Pontes como centro xerador de enerxía e como centro xerador de emprego na comarca, para gañar tempo e incorporar ao complexo ao mundo da economía circular e das enerxías renovables”.

En segundo lugar, os representantes das dúas administracións acordaron poñer en marcha unha mesa de traballo, coa participación das administracións que teñen coñecementos no mundo das enerxías renovables, Ministerio de Transición Ecolóxica,  Consellería de Medio Ambiente e Endesa, para validar o cambio de modelo cara unha transición enerxética renovable e circular.

Finalmente acordaron reclamar, á Unión Europea e ao Estado, a participación de Galicia nos fondos da descarbonización previstos nos próximos orzamentos europeos.

Asemade o rexedor fixo fincapé na importancia de que as administracións, que comparten a mesma idea de modelo de transición enerxética xusta, traballen conxuntamente para que “unha central que decidiu investir 220 millóns de euros para adaptarse á normativa europea non sexa tratada do mesmo xeito que outras firmas enerxéticas que non decidiron apostar polo emprego nas comarcas”.

Por outra banda, González Formoso sinalou que o futuro da central térmica das Pontes pasa por “unha transición real, no sentido de que hai que ir substituíndo o combustible carbón, un combustible que non foi capaz de superar o reto tecnolóxico de non emitir CO2, por bioresiduos que permitan incorporar a central térmica ao mundo da economía circular, e é aí onde as competencias da Xunta de Galicia, o seu coñecemento do volume de xeración de residuos que hai en Galicia que se pode incorporar á central, nos vai dar a medida da súa viabilidade”

Etiquetas