Convocan 145 novos cursos para formar a desempregados

A primeira das convocatorias do Plan galego de formación 2019-2020 que este curso prevé chegar a máis de 2.175 persoas desempregadas da provincia de Lugo para mellorar a súa cualificación e impulsar a súa empregabilidade foi resolta.

Trátase, en concreto, do plan formativo para desempregados e desempregadas, que poderán elixir a súa cualificación entre unha oferta de 145 cursos, ao tempo que acceden a un certificado de profesionalidade.

O Goberno autonómico, que financia o 100% das accións formativas, destina a esta iniciativa preto de 6 millóns de euros co obxectivo de facilitar o seu acceso ao mercado laboral a través dun capital humano máis formado e adaptado ás necesidades actuais do tecido industrial.

Os encargados de impartir estas accións formativas serán cinco concellos A Pontenova, O Vicedo, Xove, Burela e O Valadouro, cinco entidades sen ánimo de lucro como a Fundación Laboral da Construción,  Alufonca, Cruz Vermella, Aprevar e Fundación Belarmino e 19 empresas e academias.

En todas as comarcas lucenses

Ofértanse cursos en todas as comarcas lucenses e nos principais sectores da nosa economía. En Lugo e A Montaña programaranse 76 cursos, con 1.140 alumnos e un investimento total de 3,4 millóns euros; na Mariña lucense impartiranse 30 cursos, con 450 alumnos e un investimento total de 1,1 millóns euros; na Terra Chá e Meira, desenvolveranse 18 cursos, con 270 alumnos e un custe de 792.498 euros; en Sarria programaranse 5 cursos, con 75 alumnos e un investimento de 110.185 euros; e finalmente na zona Sur da provincia ofertaranse 16 cursos, con 240 alumnos e un investimento de 496.094 euros.

Os alumnos e alumnas interesados en acceder a esta formación poderán contactar coa entidade ou o centro para realizar a súa preinscrición no curso da súa elección. Ademais,

poderán acceder a un certificado de profesionalidade que lles abrirá novas oportunidades

laborais. Así, nas últimas edicións alcanzouse un grao de inserción de preto do 60% e deles, 2 de cada 3, conseguírono nos seis primeiros meses tras a finalización do curso.

A formación para mellorar a empregabilidade dos galegos é un reto prioritario da Axenda 20 que se suma á adaptación dos perfís profesionais ás demandas actuais do tecido produtivo.

Etiquetas