Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

E houbo lume …

Por 22 Outubro, 2019Sin comentarios

Por Pablo Veiga

Lamentablemente así foi e así ten que ser contado. Xa semellaba moi estrano que chegando a finais de agosto aínda non se contabilizasen incendios importantes no País durante o verán,  aínda que algún que outro si se produciu, pero de escasa entidade. Foi chegar setembro e abraiados quedamos vendo como as lapas devoraban unhas sete centas hectáreas nos municipios de Monforte e Pantón, tardando varios días en ser totalmente extinguido. Días antes, na bisbarra do Barbanza, en Porto do Son, case un centenar de hectáreas de bosque foron arrasadas.

Comezo este artigo logo dunha fin de semana especialmente dura, xa que no Concello de Quiroga foron dúas centas, na Gudiña, provincia de Ourense lindando con Zamora e Portugal, catro centas, noutras zonas de Ourense como Riós ou Chandrexa de Queixa fálase dun cento. E ata a nosa bisbarra se veu “bendecida”, concretamente na parroquia begontina de Santa María do Castro, no que se estima en vinte as hectáreas queimadas.

Sobre as cifras, tampouco existe unanimidade, producíndose un debate sobre as mesmas que contribúen a confundir a cidadanía.

Cómpre sinalar que aquí en Galicia, recén rematado o inverno, sufrimos varios incendios de importantes dimensións, concretamente en Rianxo, un fenómeno ó que tamén tiveron que facer fronte nas comunidades de Asturias e Cantabria, constatando que lume xa non sexa exclusivo da estación estival.

Voltando ó acontecido nas últimas semanas deste verán, temos que sinalar que o tempo meterolóxico resultou ser algo peculiar, xa que ata mediados de xullo os ceos adoitaron estar cubertos e incluso con algún que outro día de xenerosas precipitacións. O verán fíxose de rogar, retrasándose algo máis do debido o sol e as altas temperaturas. E tamén, como aconteceu nos dous anos anteriores, o mes de setembro foi excesivamente seco, xa que as primeiras  pingas de auga non chegaron ata a terceira semana. Acompáñese a eses factores un aire cunha velocidade superior ós trinta quilómetros por hora e xa temos o cóctel perfecto para que os incendios se propaguen con suma facilidade.

Quen prende lume, que motivacións pode ter, a que intereses responde, … son incógnitas que levamos lustros intentando despexar, pero non somos quen delo. As raras detencións e a dificultade para atribuirlle a culpa ó pirómano son proba de que non se avanza neste eido como se debera.

E despois,  falarmos da xestión no monte galego coa invasión continuada de plantacións de eucaliptais e a conseguinte diminución das especies autóctonas atlánticas ven sendo moi didáctico, mais é un tema de tal complexidade e magnitude que non se pode analizar en cincuenta frases.

O certo é que un ano máis, Galicia non foi allea ó lume e moito nos tememos que a tónica continuará. Estamos a ver – e seguirémolo  vendo- como queiman os nosos montes en calquera das catro estacións, semellando que a superficie afectada dependerá maiormente das condicións climáticas. É unha mágoa, pero iso é que está a acontecer. Remedios…?. Ó conxunto da sociedade corresponde.