Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Parga non se divide

Por 22 Outubro, 2019Sin comentarios

Por Raul Río

O tren chegou á vila Parga o 10 de outubro de 1875, seis anos antes que a Ourense, cando Curros fixo este fermoso poema. É certo o que di o poeta e sobre todo naqueles tempos foi un medio moi importante para o desenrolo económico de Galiza, pero en Parga, si agora espertan os homes e as mulleres é polo ruído e non porque fecunde os terreos nin frolezan os eidos.

Antes subíanse alí os becerros que os nosos gandeiros vendían aos tratantes nas feiras da vila e os que lles mercaban polas casas entre feira e feira para levalos aos matadoiros das cidades, pero hoxe podemos asegurar que crea mais problemas que beneficios. Nesa estación subían e baixaban moitos viaxeiros, soldados do campamento, algúns dos cales morreron atropelados por el, e os emigrantes da zona que íamos e víñamos a pasar as vacacións, pero agora nin iso.

Desde aquela as vías férreas cruzan lonxitudinalmente o seu casco urbano, podendo pasar dun lado ao outro so por medio de tres pasos a nivel para vehículos e peóns. O paso a nivel mais céntrico foi, segundo aseguran os veciños, un «matadoiro». Numerosas persoas faleceron arrolladas polo tren en graves accidentes que os veciños teñen moi presentes, asegurando que pagan moi caro o paso dun tren que hoxe non presta ningún servicio á vila. Un dos que mais transcendeu foi o do 5 de febreiro de 1964, cando cruzaban tres curas nun Seat 600 que se quedou varado no paso a nivel, ao pegar cos baixos no lombo que formaban as vías con respecto á estrada, sendo arrollados por un tren de mercadorías cando viñan dunha reunión preparatoria do Congreso Eucarístico Comarcal na casa da botica, con don Paco Penas Goás, da casa dos Monteros, e co bispo de Mondoñedo-Ferrol, don Jacinto Argaya Goicoechea, morrendo, segundo datos do profesor Xosé Lois Santamariña, os cregos, Manuel Quiñoá González, Tomás Fernández Rega e José Quiroga Sanfiz. Outro moi sonado tivo lugar o 6 de outubro de 1985, cando nese mesmo paso morreron dúas persoas que tamén o cruzaban nun coche.

Xa fai tempo que pensaba escribir este artigo, para dar a coñecer este problema que nos atinxe a todos os que queremos un tren acorde coas necesidades do pobo, que cause os mínimos inconvenientes dando o mellor servizo posible aos cidadáns, e porque confío na loita e na seriedade desa plataforma veciñal que leva o mesmo nome que o título deste escrito, pois coñecendo a algúns do seus membros sei da súa teimosía en loitar, non pola legalidade creada polos humanos, senón pola xustiza, xa que as mais das veces a legalidade vai contra-natura, favorecendo á crase que pertencen os lexisladores ou á crase para a que lexislan e case nunca se adapta a razoamentos lóxicos, sendo a xustiza mais acorde coa lóxica e a razón.

Cústame moito imaxinar  que un pobo pequeno e unido por fortes vínculos de irmandade durante séculos, siga dividido por unha raia artificial trazada por uns simples ferros. Non se poden coartar os sentimentos dos diferentes barrios dese pobo por un simple trazado que obrigue a pasar por lúgubres e escuros pasos subterráneos que dividen a vila e aos veciños. As vilas e as cidades están compostas por barrios unidos entre si por uns sentimentos de veciñanza, arraigo e idiosincrasia difíciles de explicar e de entender, pero que crearon entre si ao longo de anos de convivencia conxunta.

Podemos entender o trazado actual que se fixo no seu día, cando non se dispoñía dos medios técnicos con que contamos agora e cando o barrio do Porto Pulgo tiña moita menos poboación, pero non podemos entendelos hoxe, cando dispoñemos de medios que fan moito mais doado o traballo necesario para poder solucionalo. Daquela, ademais, os trens eran menos ruidosos e menos perigosos, pois andaban a moita menos velocidade, pero que imaxine o lector un tren de mercadorías pasando a toda velocidade por medio dun casco urbano como o de Parga.

A solución que dá ADIF consiste na construción dun paso subterráneo á altura do paso central e a substitución dos outros dous por pasos peonís tamén subterráneos, o que constitúe unha división da vila e dos veciños dun lado e do outro, co problema que isto supón para unha vida social normalizada entre os habitantes das dúas partes das vías. Por iso a plataforma veciñal Parga non se divide, non so rexeita esa división, senón que intenta dar unha saída factible e viable a este problema, polo que solicitou un informe a un equipo dos departamentos de Matemática Aplicada e de Enxeñería Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, ambas pertencentes á Universidade de Santiago de Compostela (USC), para que estudara unha alternativa técnica e economicamente viable, que deseñaron “unha variante ferroviaria de 3,3 quilómetros polo norte de Parga, desviada da zona rural entre a ponte da Retorta e Becín, que cumpre coas normas técnicas é óptimas desde o punto de vista económico”. Para a elaboración deste proxecto (que foi presentado nun congreso mundial en Santiago os pasados 22, 23 e 24 de xullo, organizado polo Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial), utilizaron as matemáticas como ferramenta para obter este trazado alternativo, que consideran viable e no que valoran dous métodos: un mediante un túnel e outro facendo desmontes na superficie do terreo.

Evidentemente que este proxecto de desviación é mais custoso que o plan de ADIF, pero non se entendería que por un tema económico as vías seguiran pasando polo mesmo sitio, facendo o mesmo ruído, creando o mesmo problema de inseguridade e dividindo Parga en dúas, pois este é o único xeito de rematar cos accidentes, co ruído e coa división da vila.

O tren debe ser un medio de transporte de mercancías e persoas, pero dando ese servizo á poboación sen constituír un perigo para ninguén, xa que os feirantes e os veciños e veciñas de Parga están expostos a un accidente todas as veces que, por diversos motivos, teñen que cruzar dun lado para outro por calquera dos tres pasos a nivel. Por iso compre poñer os medios técnicos e o capital necesario para darlle unha saída adecuada aos intereses da poboación, que é quen sofre as consecuencias.

A calidade de vida e a propia vida dos parragueses ten moito mais valor que o custe da obra, porque non hai diñeiro que pague nin que xustifique a perda dunha vida humana.