Tomé destaca o rural lugués nas xornadas sobre vacún de Galicia

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres no acto de clausura da Xornada Técnica IXP Ternera Gallega e IXP Vaca Galega celebrada no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, onde salientou a importancia do sector rural na provincia.

Na súa intervención, Tomé Roca destacou a gran participación que ten esta cita anual. “Ver a gran afluencia deste evento evidencia o interese e o enorme potencial que temos no rural. Dende a Deputación de Lugo consideramos crucial que se celebren estas xornadas que nos permiten coñecer as novas tendencias do mercado e tamén do consumo, para poder potenciar iniciativas exitosas que garantan a calidade do produto”.

O presidente sinalou que “dende a Deputación estamos comprometidos con este sector, de feito, puxemos en marcha o Centro de Recría de Gando Vacún de Leite na Granxa Gayoso castro, un centro pioneiro que está sendo moi vantaxoso para os nosos gandeiros”.

Ademais, o titular da Deputación de Lugo felicitou á IXP Ternera Gallega polo seu 30 aniversario. “Grazas por traballar para que a carne de gando vacún teña a máxima calidade e garantía, e sexa recoñecida a nivel mundial”.

Etiquetas