Skip to main content
Actualidade

O Pleno da Deputación reclama medidas urxentes para garantir o futuro de Alcoa e As Pontes

Por 30 Outubro, 2019Sin comentarios

A Deputación de Lugo reclamará medidas urxentes para garantir o futuro de Alcoa en San Cibrao e da central térmica de Endesa nas Pontes. Así o acordou este martes o Pleno, no que destacou a unanimidade de todos os grupos políticos para sacar adiante cuestións de calado para a provincia. Deste xeito, aprobouse ademais, co consenso de PSdeG, BNG e PP, a reclamación dunha Autoridade Portuaria propia para o porto de San Cibrao, impulsada polo Grupo Provincial Socialista, así como a esixencia de melloras nas dotacións de persoal e horarios para as ambulancias de Foz e de Monforte. Á sesión plenaria acudiron representantes municipais dos concellos afectados pola problemática industrial, así como da Federación de Veciños e da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), entidades que reivindican a Autoridade Portuaria de Lugo.

Respecto do futuro da planta de aluminio que Alcoa ten en San Cibrao e do da central térmica de Endesa nas Pontes, a Corporación da Deputación de Lugo votou a favor de reclamar medidas de carácter urxente á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado para garantir a súa viabilidade. O acordo unánime chegou logo da proposta do Goberno que defendeu a Deputada María Loureiro. A socialista recalcou a importancia das dúas compañías para o futuro económico da provincia e lembrou que o Executivo tivo que levar esta proposta ao Pleno porque o Partido Popular non quixo na anterior sesión incluír nunha moción a responsabilidade da Xunta na política industrial, cando o Estatuto de Autonomía, no seu artigo 30, lle confire as competencias neste eido.

“Equivocan ao responsable”, rebateu o presidente da Deputación, José Tomé, á bancada popular. O mandatario provincial argumentou que Pedro Sánchez, a pesar de levar menos dun ano con plenos poderes no Goberno de España, arranxou o problema de Alcoa na Coruña e está tomando medidas para corrixir as dificultades da compañía en Lugo. “E que fai o señor Feijoo? Andou de paxaro de mal agoiro dicindo que a Alcoa Coruña non a ía comprar ninguén, sementando pánico entre os traballadores”. “Por que non nos explican vostedes cales son os compromisos da Xunta e do señor Feijóo con Alcoa e coas Pontes? Porque eu vexo outros gobernos autonómicos que si se comprometen coas súas industrias. Cal é a política industrial da Xunta de Galicia? Como aplican o articulo 30 do Estatuto de Autonomía que sinala as competencias propias nesta materia?”, preguntaba Tomé aos deputados do Partido Popular.

O presidente da Deputación dixo que de Alberto Núñez Feijóo non se pode esperar “nada de nada, porque só sabe criticar, contar contos e sacar fotos. Esa é a triloxía do señor Feijóo, pero de medidas económicas para sacarnos dos problemas, cero. Agora ocórreselle dicir que vai facer un plan de reindustrialización. Onde está? Que leva dez anos no goberno. Díganlle ao señor Feijóo que menos palabras, menos fotos e máis feitos”.

VIOLENCIA MACHISTA

A Corporación Provincial acordou este martes na sesión plenaria unha declaración institucional contra a Violencia Machista. Todos os grupos políticos con representación na Deputación de Lugo –PsdeG, BNG e PPdeG- acordaron un texto elaborado con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que terá lugar o 25 de novembro.

“A Deputación de Lugo quere expresar o seu firme compromiso coa loita contra os asasinatos e agresións machistas e coa mudanza dos elementos estruturais que as xeran e perpetúan, a súa solidariedade e apoio ás vítimas e ás súas familias, e o seu respaldo institucional para impulsar o conxunto de medidas recollidas no Pacto de Estado en Materia de Violencia de Xénero”, arguméntase no escrito conxunto que acordou a Xunta de Voceiros e que ratificou a Corporación Provincial por unanimidade esta mañá.

“Como representantes institucionais, temos a obriga de redobrar os nosos esforzos na loita para erradicar a violencia machista en todas as súas formas. Un problema que, aínda hoxe, algúns tratan de negar ou disimular baixo unha suposta e xenérica “violencia familiar” ou “intrafamiliar”. Alto e claro rexeitamos este nefasto revisionismo. Existe un problema social de violencia contra as mulleres. A realidade demóstrao. E quen o nega ou ignora dálle un novo pulo aos agresores, porque lles transmite a mensaxe de que a súa conduta é menos grave ou mesmo socialmente aceptable”, recolle a iniciativa plenaria.

Na última década, máis de 6.000 mulleres lucenses presentaron denuncias por violencia machista e o organismo provincial comprometeuse a seguir “xerando mecanismos que garantan o anonimato e a protección das denunciantes”, como o teléfono 016 e o 900 400 273.

INFRAESTRUTURAS

O PP conseguiu sacar adiante as súas propostas para frear o posible empeoramento dos servizos ferroviarios de viaxeiros entre Lugo e Barcelona, así como para a construción dun novo pavillón polideportivo na capital. Quedou claro, no debate dunha moción presentada polo Bloque, que o desdobramento do corredor Nadela-Monforte está a punto de ser licitado e, polo tanto, de que comecen as obras.

O Partido Popular deixou constancia da súa preocupación polo que parecen ser plans de Renfe para substituír o actual material rodante para servizos de viaxeiros no tren hotel Lugo-Barcelona por outro máis antigo, que podería incrementar aínda máis o tempo de viaxe e facelo máis incómodo. A defensa desta iniciativa, co obxectivo de instar ao Goberno central á mellora das comunicación entre Galicia e Cataluña, correu a cargo da deputada Dolores Castro. Tanto o PSOE como o BNG, á hora de votar, decidiron absterse. Castro deixou claro que a moción que defendeu tiña como obxectivo frear calquera plan de Renfe para empeorar o servizo de tren hotel. Aproveitou a ocasión para recordar que non é a primeira vez que os grupos de goberno acusan ao PP de presentar mocións para facer «circo» e que despois se comproba a necesidade de tales iniciativas. Indicou que sería moi malo para a provincia que se materializase un cambio como o que anunciaron distintos medios de comunicación.

A preocupación en Lugo polo futuro dos servizo ferroviarios é compartida por diversos sectores da sociedade. A plataforma Lugo Non Perdas o Tren quere que as máis altas instancias de Renfe respondan a varias preguntas, entre elas unha sobre o presunto cambio de material rodante, para poñelo máis antigo, na conexión Lugo-Barcelona.

Polo seu lado, Óscar Poy, polo Grupo Popular, logrou a unanimidade da corporación provincial para a súa proposta para a construción dun novo pavillón polideportivo na capital lucense e a redacción e aprobación dun regulamento para o uso das instalacións deportivas da Deputación. O citado deputado popular resaltou que todas as asociacións deportivas poñen de manifesto o feito da falta de infraestruturas deportivas na capital. Por outro lado, mostrouse convencido de que a aprobación dun regulamento consensuado evitará moitos problemas á Deputación.

Na mesma liña de interese pola mellora das infraestruturas da provincia, o Grupo Popular presentou no pleno rogos para a mellora das seguintes estradas provincias: LU-P 0707 Armesto-Torés-Nogais, que no tramo de As Nogais entre os quilómetros 7 ao 16 está en moi mal estado: LU-P 4404 Riocabo-Aldurfe-As Rodrigas, do quilómetro 11,5 ao 18, en Riotorto; LU-P 1301 Seoane do Courel-Hospital e ramais a Piñeira e Lousada, entre os quilómetros 14 ao 20; LU-P 6406, en O Vicedo, Cristo da Portapena-Ponte Segade, especialmente no tramo máis próximo a Montesegade.