O PP acusa en Vilalba ao Goberno de atacar a industria da provincia

Os populares analizaron en Vilalba “o ataque directo” do Goberno á estrutura industrial da provincia. Foi durante o encontro con empresarios dos sectores servizos, enerxético e agrogandeiro, celebrado na localidade chairega e no que participaron o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, a presidenta provincial, Elena Candia, e os candidatos ao Congreso e ao Senado, José Manuel Barreiro e Joaquín García Díez, ademais doutros cargos orgánicos do PP como José Manuel Balseiro ou o voceiro local, Agustín Baamonde.

Na súa intervención, José Manuel Barreiro e Elena Candia lamentaron que, na situación económica e política actual, palabras como “incertidume estean permanentemente asociadas á industria e ao emprego”. Referíronse así á grave situación que atravesan empresas tan importantes para Lugo e esta comarca, como son Endesa e Alcoa San Cibrao.

Os populares trasladaron aos asistentes que as ameazas de peche están motivadas pola inacción do Goberno; algo que non entenden, sobre todo, cando hoxe o propio presidente de Alcoa manifestada nun medio de comunicación que o aluminio é un produto de futuro ou que, no marco da estrutura de custes, é responsabilidade do Executivo Central axustar o prezo do quilovatio.

En canto á Endesa, advertiu Barreiro, “non hai acción correctora do Goberno”, e cualifica a resposta dos socialistas para xustificar a situación, culpando á empresa de falsear as contas, “de escusas de mal pagador”. “Non estamos en contra da descarbonización. Se o horizonte e o 2030, por que temos que ser nos os primeiros en pechar as térmicas cando temos menos capacidade que outros países como Francia ou Alemaña?”, preguntouse.

O PP, cos traballadores e a industria
Francisco Conde tamén se manifestou moi crítico coa xestión do Partido Socialista ao respecto das electrointensivas, indicando que “queren ter a medalla de ser os primeiros en pechalas”. Pola contra, apuntou que o Partido Popular está cos traballadores e coa industria, mentres que o Goberno socialista incumpriu todos os seus compromisos enerxéticos con Galicia. E por iso, apuntou, “desde o Partido Popular seguiremos defendendo a nosa industria, o noso emprego e unha transición enerxética xusta e ordenada”.

O conselleiro e deputado lucense sinalou que o Goberno de Pedro Sánchez está disposto a levarse por diante os máis de 700 postos de traballo que dependen da central de Endesa nas Pontes, e apuntou que os 150 transportistas afectados non están sós, xa que Galicia e o Partido Popular seguirán estando ao seu carón.

No tocante a Alcoa, Conde lembrou que Galicia leva un ano agardando por un Estatuto dos consumidores electrointensivos que permita á planta de San Cibrao ter un prezo eléctrico competitivo, para estar nas mesmas condicións que o resto de empresas europeas.

Así, sinalou que Galicia estaba tan cansada de agardar que “elaboramos a nosa propia proposta de Estatuto” para que a defenda o Partido Popular en Madrid.

Fronte a esta política de castigo dos socialistas, Francisco Conde sinalou que o Partido Popular “cre no rural, cre en Vilalba, cre en Lugo e cre en Galicia”. E por iso, sinalou que desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria se destinaron máis de 5M€ a Vilalba no que vai de lexislatura.

Tamén incidiu en que, desde que Alberto Núñez Feijóo é presidente da Xunta, apoiouse con máis de 43 millóns de euros aos profesionais do medio rural deste municipio.

Etiquetas