Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

A capela e fonte dos panos de San Vitorio de Damil

Por 21 Novembro, 2019Sin comentarios

Por Miriam Fernández

A capela e a fonte dos panos de San Vitorio de Damil atópase na homónima freguesía do concello de Begonte, unha construción que permanece vinculada ó conxunto de romaxes, rituais e crenzas de carácter sandador da Terra Chá, froito da materialización da espiritualidade e a devoción que durante séculos se manifestaron en tantas aldeas galegas no que algún acerta a chamar “o país das mil romarías”.

A capela de San Vitorio, unha humilde construción con presbiterio cuadrangular a catro augas e nave rectangular con pórtico de acceso, atópase nun escenario natural entre árbores autóctonos, dos que antano destacaban dous carballos de grandes dimensións ou “carballas” das que actualmente só queda unha. Destas árbores,  coñecidas como as “carballas de San Vitorio, dise que chegaban a apreciarse dende o Alto de Garabolos, funcionando coma guía ou sinal dos que dende Lugo se achegan a Damil para a Romaría do Santo.

A lenda do santuario conta que San Vitorio chegou ó lugar río abaixo, cheo de bochas causadas pola sarna. Uns din que morreu alí e pediu que se lle fixese unha capela no lugar, mentres que outros apuntan que se agarrou a un acivro e se lavou na auga do río que daquela chegaba ata a fonte, quedando así curado. Tamén se conta que o “San Vitorio pequeno”, referida á imaxe pequena do santo, non podía medrar por  mor da sarna, máis, unha vez que se lavou na auga da fonte, puido facelo ata acadar a altura da imaxe grande.

Outras lendas sobre o lugar falan tamén dun intento por parte dun párroco de Damil de levar o santo á igrexa parroquial, cunha cerimonia de traslado con carroza incluída, máis ás seis da mañá do día seguinte o santo estaba de novo no seu sitio. En canto ás curacións milagreiras, cóntase que un veciño de Damil foi traballar de xardineiro a unha casa de Barcelona na que a filla do patrón estaba enferma de sarna, doenza consultada sen remedio que traía de cabeza á familia. Entón o rapaz de Damil díxolle ó pai da moza que sabía da cura a cambio de que lle deixase casar con ela, proposta que aceptaron e que se fixo realidade despois de sandar tras visitar a capela e realizar o ritual da fonte, unha interesante nova que tamén conseguiu atraer devotos ó lugar. Tamén era tradición que os  “quintos”, mozos que realizaban o servizo militar, se encomendaban ó santo para ter sorte e protección durante a instrución, acudindo para isto á misa da romaxe e levando o santo en procesión.

A romaxe de San Vitorio celébrase na fin de semana máis próxima ao 14 de maio, cita á que acoden devotos de toda a contorna para escoitar a misa e levar a cabo os rituais dun santo ó que, como xa vimos nas lendas, se lle atribúe a curación das doenzas da pel (tanto para persoas coma para animais), xogando un papel moi importante a fonte situada ó seu carón. Ademais dos rezos, as ofrendas, as candeas, tocar o santo cun pano e fregalo pola parte afectada, etc., é de obrigado cumprimento ir ata a fonte, a fonte de san Vitorio, e cumprir co ritual, consistente en lavar a zona afectada cun pano que se molla nas súas augas, pendurándoo a continuación nas polas das árbores que están ó carón dela. A medida que o pano vai secando e podrecendo alí ata desaparecer tamén o fará a doenza pola que se pediu.

Con respecto á orixe da fonte existe unha lenda que conta que un párroco que atendía a capela cortou e vendeu as polas das carballas centenarias do lugar, morrendo ó pouco repleto de sarna. Outra variante da mesma lenda apunta que o crego se arrepentiu do que fixera, e, ó pedir desculpas polos seus feitos, xurdiu a carón a fonte a carón da capela, curándoo da súa doenza coas augas que dela brotaban.

Encomendados a san Vitoro existen dous esmoleiros en Damil, un encargo de mediados do século XX feito por parte dos ramistas da festa do santo, os veciños Anxo Veiga Fompedriña, Francisco Pajón e Xosé Teixeiro. As imaxes de madeira de ámbolos dous petitorios foron talladas polo tamén veciño de Damil Celestino Pichín, quen a maiores construíu unha imaxe de pequeno tamaño e madeira para a capela.

Lenda, devoción e carácter profano (festa, baile,etc.) únense unha vez máis para expresar o sentimento e a espiritualidade tradicional de moitos lugares da Chaira e da nosa Galicia mesma, unhas prácticas que forman parte das xentes e costumes ancestrais do rural que en moitos casos seguen a convivir cos importantes cambios da vida moderna.