Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Os meus primeiros recordos da feira de Parga

Por 21 Novembro, 2019Sin comentarios

Por Raul Río

Meu avó paterno, Domingo Río Rosende, o tío Domingo de Río, que é como lle chamaban na parroquia, morreu cando eu non tiña mais que seis anos e tres meses. Ademais de ser meu avó era tamén padriño, e seica me puxo o nome de Raul porque cando estivo emigrado en Cuba tiña un amigo negro que se chamaba así, polo que sempre lles estarei agradecido a el e mais ao seu amigo.

Quizás me lembre del, a pesar da miña corta idade, polo ben que o pasaba cando a partir dos tres anos íamos os dous coas vacas e eu facía o que el me mandaba cando había que darlle a volta a algunha delas que se aproximaba a un froito prohibido ou á finca dalgún veciño. Eu ía darlle a volta á vaca e volvía para xunto del e do lume que facíamos ao abrigo dun valado para quentarnos, onde el fumaba cigarro tras cigarro, contábame contos de cando estivera de encargado nunha fundición da Habana que aínda existe hoxe, na que debeu coincidir co gran cantante e trobador cubano Benito Antonio Fernández Ortíz, mais coñecido como Ñico Saquito, que ademais de cantante (din que xa cantaba no ventre de súa nai), foi tamén peloteiro e fundidor, polo que cando facía algo que non daba rendemento sempre se queixaba en español de “trabajar para el inglés!”, estrofa sacada da letra da canción, “El vaiven de mi carreta”, do famoso trobeiro e fundidor. Tamén me explicaba a historia de España, de cando os romanos e os fenicios, que el sabía de memoria.

Todos os días de feira dicíalle a miña nai que me preparara para ir con el. Despois collíamos os dous e íamos andando os dez quilómetros que hai dos Vilares de Díaz Castro a Parga, ben polo Cecedo, cruzando todo o monte da Croa, ou indo ata o Barreiro e desde alí pola estrada que ven desde Momán. Tería cerca de catro anos cando, estando na taberna da Raola do Barreiro, chegou un coñecido de meu padriño con unha furgoneta na que levaba uns ranchos nun caixón de madeira para a feira e díxonos que nos levaba el, pero eu tiña medo porque nunca me montara nun coche e non quería ir nel, polo que empecei a chorar coma unha Magdalena. Ao final foime convencendo e montamos no coche.

Chegando á feira mercábame unha navalla coa que logo argallaba facendo aradiños e esculturas en madeira e casca de pino, ata que a perdía nalgunha chousa e na seguinte tiña que mercarme outra, polo que pensou que me tiña que mercar tamén unha cadea para amarrala ao pantalón e non a perdera, pero foi peor o remedio que a enfermidade, pois eu soltábaa do pantalón e perdía a cadea e mais a navalla. Lémbrome que nunha feira pedinlle un reloxo e díxome que era moi pequeno para levalo e que aínda non o entendía ben, pero que mais adiante íamo mercar. Non lle deu tempo, pois a morte traizoeira chegou coa gadaña antes de que a min me dese tempo a facerme mais grande.

Despois, ao quedarme sen o padriño, so ía as feiras cando ían tamén meus pais e como xa empezaba a saber ler mercábanme unhas follas de varias cores coas historias de crimes e outros contos en verso que cantaba un cego e que eu lía con moita fruición. Nunha desas follas puiden ler o “Crime de Roca”, que contaba como, entre o pai, o irmán da casa e a súa muller, mataron ao outro fillo, que regresou da emigración americana con algún diñeiro e enterrárono nunha leira na que despois sementaron o centeo para acochar o crime, que se descubriu ao ver que encima da tumba medraba o pan mais que no resto da leira.

Tamén me mercaban algún xoguete e, como vían que me gustaba moito ler, sempre levabamos algúns periódicos atrasados que un señor andaba vendendo por toda a feira, creo que a cinco periódicos por unha peseta.

A feira de Parga non so deu vida a esa vila, senón que era a única vía de saída para os produtos do campo naqueles tempos de penuria e represión, e hoxe aínda é un importante evento que beneficia economicamente a toda a comarca. Oxalá siga por moitos anos mais para  que poida levar aos meus netos, si é que algún día os teño.