Organizan unha xornada técnica sobre productos da serra do Xistral

A Deputación de Lugo organiza o día 30 de novembro, na Casa da Cultura do Valadouro, unha xornada técnica para promover a venda de produtos agrogandeiros vinculados á Serra do Xistral co fin de conseguir o aproveitamento sostible deste territorio protexido.

Esta actividade enmárcase no proxecto europeo Life In Common Land que lidera o organismo provincial xunto ás universidades de Santiago e A Coruña, e que se desenvolve neste espazo natural incluído na Rede Natura 2000, dunha extensión de 5.000 hectáreas, que abrangue os concellos de Abadín, Muras, O Valadouro e Ourol, e parte dos de Viveiro e Xove.

O seminario ofrecerá exemplos de boas prácticas que se están a desenvolver noutros espazos naturais protexidos de Galicia para impulsar a comercialización dos produtos agrogandeiros propios do lugar. Deste xeito, a xornada abordará proxectos como a venda online da carne dos Ancares, a comercialización de carne de boi na Reserva da Biosfera Área de Allariz ou da Marca Pastores de Galicia, e a Indicación Xeográfica Protexida Faba de Lourenzá, entre outros.

O obxectivo desta acción formativa é mellorar o desenvolvemento rural a través da capacitación dos propietarios dos montes, gandeiros, e comunidades de montes veciñais en man común do territorio da Serra do Xistral. A través desta formación preténdese que a poboación local coñeza as posibilidades dos recursos naturais do seu entorno para evitar o abandono das actividades tradicionais nestes hábitats protexidos e preservar este ecosistema único e de gran valor natural.

Etiquetas