A Deputación organiza un novo encontro de cooperación e asistencia aos concellos

A Deputación de Lugo organiza o VIII Encontro Provincial de Cooperación e Asistencia aos Concellos que se celebrará no Pazo de San Marcos o 3 de decembro. Unha xornada que este ano leva por nome A reforma do réxime local en Galicia. A planta local, e que busca expoñer diferentes perspectivas sobre a organización das entidades locais.

Nesta xornada, que acollerá o salón de actos da Deputación durante toda a mañá, haberá tres relatorios. Despois da apertura oficial, a primeira será Os Gobernos locais intermedios: presente e futuro das Deputacións Provinciais. Dereito Comparado, que impartirá Serafín Pazos Vidal, responsable de Política Europea da Convención Escocesa de Autoridades Locais. A segunda versará sobre A planta municipal: o problema do pequeno concello. Fusión/supresión e outras alternativas. Análise das experiencias europeas, que dará Fernando López Ramón, catedrático de Dereito Administrativo na Universidade de Zaragoza. E a terceira e última, será a que leva por nome O Concello como institución dinamizadora da localidade. O rol das cabeceiras de comarca, a cargo de Santiago Lago Peñas, catedrático de Economía Aplicada da Universidade de Vigo.

O encontro vai dirixido sobre todo a empregados públicos e representantes institucionais das administracións locais. Arrancará ás 9:30 horas coa recepción dos asistentes e rematará ás 14:15 horas.

Etiquetas