Os concellos deberán pagar os desprazamentos das traballadoras do SAF

Na presentación dos orzamentos da Deputación de Lugo para 2020, a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, subliñou a presentación das contas “dentro do ano” e remarcou a contribución do BNG “á estabilidade e ao funcionamento normalizado que tanto precisaba esta entidade”.

A vicepresidenta e deputada nacionalista explicou que se trata “dunhas contas artelladas arredor do Plan Único” para o que se contempla un incremento do 3 por cento e avanzou que “se trata dunha tendencia na que queremos seguir profundizando ao longa da lexislatura”.

“O Plan Único é un elemento central na nosa forma de entender o funcionamento da deputación porque garante a obxectividade no repartimento dos fondos destinados aos concellos e respecta a súa autonomía”, explicou Ferreiro.

En relación con este fondo único, avanzou que para acceder en 2020 aos recursos destinados ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), os concellos deberán asumir o pagamento dos desprazamentos aos domicilios das traballadoras, directamente ou a través das empresas concesionarias, algo que, explicou, ” ata agora non se fai en todos os casos e que supón unha discriminación para as mulleres nun sector feminizado”. “Trátase de facer políticas con visión de xénero, algo que asumimos como un elemento transversal ás tres áreas xestionadas polo BNG”, engadiu Ferreiro.

Na mesma liña, explicou que tamén serán eixos vertebradores da acción de goberno nacionalista “a promoción do patrimonio propio, como elemento identitario pero tamén como recurso de desenvolvemento económico” e “a reivindicación da memoria e das loitas polos valores democráticos que se deron neste país durante a ditadura”. “Máis necesarias ca nunca ante o avance do fascismo e de posicións contra os dereitos e liberdades”, incidiu.

Impulso ao tecido asociativo deportivo e cultural

Maite Ferreiro explicou que os recursos das áreas de Cultura e Deporte destinaranse fundamentalmente a ao tecido asociativo con distintas liñas de axudas, que son marca BNG porque que se puxeron en marcha co nacionalismo no goberno desta deputación e que reforzaremos”

Ferreiro avanzou tamén que “ao longo do vindeiro ano se desenvolverá un estudo e valoración da situación dos edificios da Rede Museística Provincial que “atopamos con deficiencias e necesidades que queremos ir solventando ao tempo que artellamos unha programación cultural que apoie a labor de colectivos de distintas disciplinas”.

A vicepresidenta tamén comprometeu “un novo pulo ao Centrad, onde se pode seguir desenvolvendo un traballo moi valioso na promoción da cultura dos oficios, a integración, a cohesión e a mellora da competitividade dos obradoiros”

En relación coa área de Medio Rural, engadiu que “os esforzos centraranse en apoiar o sector primario a través da promoción e fomento do consumo dos nosos produtos e dunha liña estratéxica de formación continúa, que se desenvolverá en colaboración con asociacións, colectivos e cooperativas agrogandeiras que traballan directamente nestes ámbitos”. “O obxectivo final destas actuacións é fixar poboación no rural”, concluíu.

Baleirado das deputacións

A vicepresidenta tamén sinalou a intención do BNG de “avanzar no baleirado das deputacións unha vez que a Xunta de Galiza asuma as súas responsabilidades e competencias como goberno”.

Etiquetas