Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

O pedreiro e canteiro Pepe de Correo de Novás

Por 26 Decembro, 2019Sin comentarios

Por Raul Río

A parroquia dos Vilares sempre foi terra de canteiros, xa que a pedra granítica é moi abundante nesta comarca. Na década dos anos corenta do século pasado chegou a haber ata 50, cando no resto do concello so había corenta e dous. Un dos mais famosos foi o padriño de Díaz Castro, Eustaquio dos Manchás, que fixo as caveiras que dan entrada ao cemiterio vello da parroquia, o cruceiro de Río Torto do Buriz, o de Saa de Labrada e o mesmo poeta me asegurou que labrou tamén o cruceiro central do calvario do adro vilarego.

Outro foi Pepe de Correo, especialista en arrincar pedras e que, conxuntamente con Secundino da Solteira, de Vilasuso, -que logo sería seu sogro- arrincaron, sendo eu un neno, as canterías para a casa de meus pais a finais dos anos cincuenta, na chousa da Bouza Nova, xunto ó Porto de Mende.

A min, cando non tiña que ir coas vacas, gustábame ir para onde eles e ver como facían as pociñas co pico e o cicel para meter as cuñas de aceiro e despois como lles ían dando golpes coa marra; primeiro a unha e logo a outra, facendo un son metálico harmonioso e agradable ao oído coma si fora un piano ou a txalaparta vasca*, ata que a pedra escachaba. De maior quería ser coma eles, xa que daquela para min eran un exemplo a imitar, unha especie de ídolos, pouco menos que un Messi para os nenos de hoxe.

Tempo despois dedicouse -ademais de traballar o lugar- a facer esculturas e tallas de pedra, mais que aos traballos típicos de canteiro ou pedreiro, traballos que tamén foron esmorecendo debido á moda do cemento e do ladrillo.

Era un home sinxelo e moi bo conversador. Dicía que había que ver na pedra a figura que contiña dentro e despois quitarlle coidadosamente o que lle sobraba. Así de doado, dicía. El foi, cos seus ánimos e consellos, quen fixo que me entrara o verme de poñerme tamén a traballala.

A primeiros dos anos oitenta do século pasado estiven varias veces con el, graveino, traballando na pedra, con un “tomavistas” de Super-8 que había naqueles tempos e merqueille unhas cantas pezas de pequenas esculturas, xa que daquela exercía eu de Delegado de Cultura na Casa de Galiza de Santurtzi e andabamos coa nosa teima de facer rexurdir a nosa cultura popular, os nosos oficios e darlle valor a nosa etnografía; polo que, ademais da pedra labrada, tamén mercabamos cerámica dos alfareiros de Bonxe, Buño, Niñodaguia,… que logo vendíamos ó público nos actos que organizabamos para poder subvencionar outras actividades culturais. Foi así como varias obras súas chegaron a Euskal Herria.

Despois faleille del ao amigo Felipe Senén, quen o cita no libro “12 anos na búsqueda da nosa identidade”, editado por Xermolos en 1995.

Ao igual que Díaz Castro, Pepe do Correo era un amante das herbas mais miúdas, das cousas mais pequenas e dos animais mais insignificantes. Proba desa humanidade franciscana é o que lle aconteceu cando foi de caza con meu primo Evaristo das Mourelas e atopouse de fronte con unha lebre que durmía placidamente na súa cama e veuse incapaz de dispararlle, malia a que meu primo lle insinuaba que o fixera. Estivo quieto ata que se espertou a lebre e na vez de dispararlle tirou a escopeta ao chan e instintivamente fixo un ademán de correr detrás dela.

Moitos mais anos mais tarde, ao falarlle eu deste tema, para saber si fora verdade ou non, díxome: Mecágona vida! Eu non podía dispararlle na cama e despois e cando espertou tirei a escopeta ao chan.

Seica nunca volveu ir de caza.