Skip to main content
ActualidadeAgro TERRACHÁXA

Destinan tres millóns de euros a estradas locais na provincia

Por 8 Xaneiro, 2020Sin comentarios

Os concellos da provincia de Lugo recibirán unha axuda de 3 millóns de euros para mellorar e acondicionar os camiños municipais de acceso a parcelas agrarias. Será dentro do Plan Marco 2020-2021 que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), adscrita á Consellería do Medio Rural, e que conta cun orzamento para o conxunto de Galicia de 12 millóns de euros, distribuídos nas devanditas anualidades a razón de case 6 millóns de euros cada unha.

A finalidade última deste plan é acondicionar as principais vías de comunicación e outras infraestruturas, sobre todo daquelas que dan acceso a parcelas agrarias.

Estes camiños permiten acceder ás 30.000 entidades de poboación nas cales se asentan as vivendas da poboación rural galega e supoñen as canles de entrada e saída das producións rurais (desde o leite ata a artesanía) que precisan os negocios desta contorna. Por iso, a Xunta quere propiciar con estas actuacións unha mellor accesibilidade e vertebración do territorio, dinamizando o tecido produtivo ao contribuír á mellora da capacidade organizativa destas áreas rurais.

Así, estas axudas servirán para facilitar a ampliación, mellora ou mantemento dos camiños municipais que dean acceso a parcelas agrarias, incluíndo actuacións que supoñan tanto un incremento da largura da vía coma o reforzo do firme e terrapléns ou a limpeza das marxes. Porén, quedan excluídas as actuacións en rúas interiores, dentro dos núcleos de poboación.

Co fin de chegar a cada un dos concellos da nosa comunidade, establecéronse unha serie de criterios de distribución das asignacións económicas que foron previamente consensuados coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Estes criterios determináronse con base en indicadores obxectivos, a partir dun importe fixo por concello, habitante e entidade de poboación, dentro duns límites de máximos e mínimos, co fin de garantir unha repartición equitativa entre a totalidade de concellos. A estas variables incorporáronse factores correctores vinculados á superficie do concello, o peso do agro no municipio e o grao de despoboamento e de envellecemento. Ademais, prevese un incremento do 50% para aqueles concellos fusionados.