Varios centros de ensino da comarca forman clubs de lectura

O programa Clubs de Lectura impulsado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional chega este curso a 37 centros escolares da provincia de Lugo. O programa vai dirixido a centros públicos titularidade da consellería que imparten ensinanzas de ESO, Bacharelato, FP ou de réxime especial.

En Galicia están adscritos un total de 247 centros escolares que aglutinan a preto de 12.700 alumnos. E por provincias, ademais dos 37 de Lugo, participan 105 centros da Coruña, 25 de Ourense e 80 da provincia de Pontevedra.

Así, na Terra Chá participarán o IES Terra Chá de Castro de Rei, o CPI Virxe do Monte de Cospeito, o CPI López Suárez de Friol, o IES Pedregal de Irimia de Meira, o IES Fonmiñá da Pastoriza e en Vilalba os institudos Lois Peña Novo e Santiago Basanta Silva.

A iniciativa, que forma parte do Plan Lía de Bibliotecas escolares, ten como obxectivo impulsar o hábito lector, mellorar as habilidades sociais e a aprendizaxe desde o espazo da biblioteca escolar de cada centro.

Para tal fin, a Consellería destina un total de 220.000 euros a este programa cunha asignación por centro que se destina, fundamentalmente, á adquisición de libros para as actividades do club de lectura (que posteriormente pasarán a formar parte dos fondos da biblioteca) e para outros gastos derivados do seu funcionamento.

Estes clubs funcionan como grupos de dinamización a prol da lectura nas comunidades educativas e como ámbitos de aprendizaxe de competencias clave para a vida. Asemade, ao implicar a diferentes membros da comunidade, son espazos para a convivencia e a educación cidadá; ao tempo que son útiles para incorporar á lectura a mozos e mozas con pouco interese por este hábito. Estanse demostrando, así mesmo, útiles para mellorar a autoestima e as habilidades sociais e de lectura do alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe.

Por outra banda, nestas reunións adoitan introducirse as tecnoloxías da comunicación e a lectura dixital, así como as relacións con outros clubs, con bibliotecas públicas ou con entidades culturais do entorno máis próximo.

Etiquetas