A Uned Sénior abre a inscrición para o segundo cuatrimestre

A Uned Sénior de Xermade-Guitiriz, que ten aulas en Momán (Xermade) e no centro urbano guitiricense, abriu o prazo de matriculación para o segundo cuatrimestre do ano, proceso que se manterá activo ata o 10 de febreiro.

O curso, que xa retomou as clases trala pausa de Nadal, rematará no seu primeiro tramo o 24 de xaneiro e iniciará o segundo o 17 do próximo mes. O programa establece rematar o 2 de xuño con pausa de Entroido o 24 e 25 de febreiro e de Semana Santa do 6 ao 13 de abril.

Como no trimestre anterior, ofreceranse cinco materias. En Momán, onde os ensinos teñen como sede o edificio da antiga escola, poderá asisitirse a clases de Saúde pública e envellecemento activo (impartidas polo médico Marcelino Mosquera), de Historia (a cargo do arqueólogo Felipe Senén López) e de Informática. Música (co director da Banda de Meira, Fran Cupeiro, como profesor) e Inglés son as materias que se impartirán en Guitiriz.

A Uned Sénior vai dirixida a persoas que teñan polo menos 55 anos e actualmente a Terra Chá conta con 122 alumnos. Os que desexen máis información poden escribir a coordinadorunedsenior@gmail.com ou telefonar ao Concello de Guitiriz (982 370 109). En materias como Historia as clases alternan con excursións por toda Galicia, nas que os alumnos participan en visitas guiadas.

Etiquetas