Skip to main content
Colaboracións TERRACHÁXA

Por un sistema público de pensións

Por 17 Xaneiro, 2020Sin comentarios

Por Raul Río

Os pensionistas do Estado Español saíron á rúa o 15 de xuño de 2018 para defender as pensións públicas e desde aquela seguen saíndo todos os luns ao sol, ao vento, á auga e ao que veña. Os vascos son, se cadra, os mais activos nas rúas e nas súas reivindicacións, esixindo unha subida mínima do IPC anual, unha pensión mínima de 1080  euros e un Salario Mínimo Interprofesional de 1200, dignificar o traballo e a vida dos traballadores e traballadoras actuais para que poidan cotizar á Seguridade Social e ter o día de mañá unhas pensións acordes coas súas necesidades, porque para iso son necesarios empregos de calidade e unha estabilidade no emprego que non hai hoxe.

A teima destes pensionistas en loitar por esta táboa reivindicativa fixo que a “Carta de Dereitos Sociais” de Euskal Herria e a maioría sindical vasca colleran o guante e convocaran para o próximo 30 deste mes unha folga xeral, folga que se negan a apoiar CC.OO e UGT porque afirman que “a folga divide aos pensionistas”, algo difícil de entender cando, tanto eles como a COESPE (Coordinadora Estatal de Pensionistas), que tampouco a apoia, non teñen reparo en apoiar as folgas indefinidas mais longas que se deron en Francia polos mesmos motivos.

Mentres tanto, o Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional e o Banco Central Europeo queren convencernos da bondade dos fondos privados e desprestixiar todo o que sexa público.  Din que a Seguridade Social é deficitaria e que non se pode soster o actual sistema de pensións, pero non se pode falar de déficit da Seguridade Social nin do sistema de pensións sen ter en conta a realidade económica no seu conxunto, xa que a esfera económica construímola entre todos e todas, pero eles menten e fanse trampas ao solitario, pois cada actor debía cotizar en función do proveito que saca da actividade económica e sen embargo as remuneracións salariais pagan cinco veces mais en impostos directos que os beneficios empresariais, ademais de que un 80% dos impostos indirectos tamén saen das remuneracións salariais; polo tanto, tamén do que aportan os pensionistas. Estes, ao igual que os funcionarios, tamén consumen, e si parte da súa pensión vai parar as arcas do Estado (vía IRPF), outra vai (vía IVA), por mercar produtos que elaboran outros traballadores, creando así postos de traballo e impostos directos e indirectos.

O que non din estas organizacións, nin os economistas “pensionados”  polo sistema, é que as pensións públicas son moito mais sostibles que as privadas ofertadas pola banca, pois no sistema público non hai costos en comisións, nin seguros nin rendas bancarias. Non necesitan descontos fiscais e, como xa dixemos, contribúen á financiación do Estado mediante os impostos directos e indirectos. Ademais de iso, este sistema de pensións é moito mais rendíbel, debido a que o gasto de administración é dun 3,35% dos ingresos, fronte o das privadas que ascende a un 13,13%, un 9,78% que nunca volverá ás mans do traballador cando sexa pensionista, porque se queda nas garras das financeiras.

Menten tamén cando din que son os empresarios os que  pagan as cinco sestas partes á Seguridade Social, porque esas cinco sestas partes é o que as empresas lle quitan ao traballador do seu salario para darllo ao Estado, un diñeiro que nos descontan do salario, pero que eles cobran despois incrementando esa cantidade no prezo final, no valor engadido bruto dos produtos do noso traballo, o que quere dicir que os empresarios non poñen absolutamente nada, pero sería un gran negocio para eles eliminar o Sistema Público e quedarse con esa parte do salario do traballador, como se quedan  cando o Estado lles rebaixa os impostos aos empresarios e meten no seu peto unha parte do noso salario que tiñan que entregar á Seguridade Social.

Por outra banda, atopámonos cada vez mais metidos nun “capitalismo sen capital” (como lle chaman Jonathan Haskel e Stian Westlak). Imos cara a unha economía intanxible  valorada en activos que non se poden ver nin medir, nin tocar, pero que ten enormes consecuencias políticas e sociais, xa que ao non haber nin autos, nin fábricas, nin grandes estruturas, inciden negativamente no reparto da riqueza ao non ter que pagar impostos por eses activos tanxibles, mentres destrúen empregos masivos e os poucos postos de traballo que crean son precarios. É o caso de Inditex, Amazon, Uber y Airbnb, Microsoff, etc., empresas que parecen estar feitas de aire, que se moven entre os Estados nos que non posúen fisicamente case nada tanxible, pero si valores intanxibles en forma de licencias e dereitos sobre a propiedade intelectual, patentes, coñecementos e marcas rexistradas, polos que levan enormes cantidades de diñeiro sen deixar neles case nada a cambio.

A solución está en cambiar este inxusto sistema de reparto da riqueza e na vontade política de subir os salarios dos traballadores para que poidan cotizar mais e poder manter as pensións públicas, que son as únicas sostibles e as únicas que poden garantir unha vida digna cando cheguemos a esa idade, pois de todos é sabido que nas actuais condicións o 60% dos cidadáns carece de capacidade de aforro e outro 30%, si aforra, faino nunha cantidade a todas luces insuficiente para garantir o mínimo vital na súa xubilación; e iso sen contar o que lle vai levar o banco pola administración e o que vai ter que volver a pagar de impostos cando reciba algo.

Digan o que digan, as pensións privadas non son a solución, pero si a futura ruína para moitos traballadores que van chegar á súa xubilación sen cartos e sen pensión. Por todo iso, e moitas mais razóns, os traballadores temos que apostar por un sistema de pensións publicas con garantías.