Skip to main content
ActualidadeRábade TERRACHÁXA

A Xunta defende os investimentos realizados en Rábade

Por 18 Xaneiro, 2020Sin comentarios

A portavoz do Grupo Municipal Popular de Rábade, Remedios González Cabarcos, explicou que a Xunta de Galicia foi a administración que liderou o investimento no municipio grazas á achega de máis dun millón de euros para apoiar distintas obras e servizos ao longo do ano 2019.

A popular fixo estas declaracións tras reunirse co delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, nun encontro no que avaliaron o compromiso inversor do Goberno galego en Rábade e novas liñas de colaboración de cara ao ano que comeza.

Con todo, a estas achegas –un millón de euros en investimentos directos- terían que engadirse outros apoios da administración autonómica como son os dirixidos ao sostemento dos principais servizos públicos da localidade: centros de saúde e de ensino, que tamén financia a Xunta.

Por salientar algunha destas actuacións, a portavoz, significou os preto de 134.000 euros que a Xunta achegou ao Concello de Rábade para o sostemento do servizo de axuda no fogar, isto é as profesionais que se dedican á atención e coidado de persoas dependentes

Rábade tamén recibe 103.600 euros do Fondo de Cooperación Local, que despois pode destinar a financiar aquelas obras e servizos que estime máis necesarias e o Goberno galego achegou 415.000 euros para financiar as obras de mellora do centro de menores Santo Anxo, con sede na localidade.

No ámbito do emprego, os apoios máis relevantes da Xunta distribuíronse en axudas do IGAPE a empresas da localidade (145.000 euros) e da Axencia Galega da Industria Forestal, con máis de 100.000 euros distribuídos en empresas do sector.

O Goberno galego tamén apoiou á asociación Músico Crisanto cunha achega de 14.700 euros a través do programa O teu Xacobeo e máis de 9.000 euros para apoiar distintas iniciativas de conciliación como os programas do Concello de Rábade e a Anpa do CEIP Otero Pedrayo.