Endesa aprobará un plan de prexubilacións para maiores de 50 anos

Endesa anunciou que aprobará, xunto ao novo convenio colectivo, un plan de prexubilacións voluntarias para o persoal de polo menos 50 anos, o cal teña 25 anos cotizados como mínimo.

Este plan, que para a súa aplicación individual require a aceptación conxunta da empresa e do traballador, supón o pago de entre o 60% e o 80% do salario en función do tempo que falte ao traballador para acadar a súa idade de xubilación. En calquera caso, os cinco últimos anos sempre serán ao 80%.

Ademais, fixa que o convenio colectivo terá unha duración de seis anos, desde 2018 a 2023. Durante este período mantense o acordo de garantías, o que significa que, en pleno proceso de transformación da compañía, non se producirá ningún despedimento por motivos organizativos.

Este último aspecto é especialmente importante nun momento no que as empresas eléctricas están inmersas nun proceso de transición e reorganización industrial cara a unha economía descarbonizada. En concreto, a compañía solicitou o peche da planta de carbón das Pontes (A Coruña), máis aló de que poida manter o seu funcionamento se as probas co uso de biocombustibles son favorables. No anuncio de peche, a empresa xa se comprometeu a manter o emprego do persoal durante o proceso de desmantelamento, que pode durar anos.

Así mesmo, a compañía adquire un compromiso de creación de emprego que ascende a 1.000 incorporacións durante a vixencia do convenio e establece a xubilación obrigatoria unha vez cumpridos os requisitos para o acceso á xubilación ordinaria.

Este anuncio foi acollido con moitas críticas por parte dos sindicatos xa que consideran que deste xeito destrúerse emprego, non se crea.

PROBAS

Mentres tanto, o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, anunciou que prevé que no prazo dun mes comecen as probas de biocombustibles na planta térmica, as cales terán un “control absoluto” por parte de entidades como o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e a Intervención Xeral da Administración do Estado co fin de avaliar a súa viabilidade.

Diso informou este mércores o alcalde no marco dun encontro en Santiago do comité de crise das Pontes co conselleiro de Economía, Francisco Conde, para “coordinarse” e “seguir vixiantes coas tarefas que hai que facer”.

Neste sentido, González Formoso advirte de que a supervivencia do complexo de Endesa pasa por convertelo “en algo distinto do que foi ata o de agora de queima de carbón”, de aí a importancia das probas experimentais de queima de lodos.

Paralelamente, o rexedor socialista reclama que exista un “trato adecuado” para a comarca na repartición de fondos europeos e estatais para a descarbonización, nun territorio con “unha perda de emprego importante desde o 2000”.

Remarca que o obxectivo da transición ecolóxica é a “substitución o carbón a medio prazo”, e para iso require axudas. “Que nos axuden a reinventarnos industrialmente falando”, afirma.

Preguntado sobre a declaración por parte de España da emerxencia climática, González Formoso subliñou que esta medida en si “non beneficia ou prexudica en nada”, senón que “o que beneficiará ou prexudicará serán textos lexislativos” e as medidas concretas que deles emanen.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, urxiu ao Goberno á convocatoria da mesa das Pontes para abordar entre administracións e traballadores “cales son os seguintes pasos a dar para garantir que hai unha transición xusta”.

Así, esíxelle ao Goberno que “reaccione” e a Endesa que “poña as medidas necesarias para dar unha solución”, posto que “o Ministerio de Transición Ecolóxica tense que implicar e dar unha resposta” con “concrecións” sobre fondos e prazos.

 

Etiquetas