Tomé presenta en Fitur a campaña turística Lugo, ¡ven!

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentou este xoves na Feira Internacional de Turismo (Fitur) a campaña Lugo, ¡ven!, un acto no que deu a coñecer dúas novas aplicacións para dispositivos móbiles que teñen como finalidade difundir os principais atractivos da provincia e mellorar a experiencia do visitante.

O acto, que se desenvolveu no stand de Galicia, contou con numerosa asistencia de público, entre o que estiveron blogueiros e xornalistas especializados no sector turístico. Estivo conducido polo recoñecido meteorólogo lucense Martín Barreiro, embaixador da provincia para o desenvolvemento de accións de promoción e consolidación da marca turística Lugo Cambia. Tamén participaron as alcaldesas de Lugo, Lara Méndez, e Viveiro, María Loureiro, e a primeira tenente de alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Prada.

“O viaxeiro de hoxe é cada vez máis dixital e organiza o seu tempo libre a través do seu móbil, tablet ou ordenador”, subliñou o presidente.

José Tomé explicou que a App gratuíta Inventrip inclúe información sobre uns 2.500 puntos de interese, entre elementos do patrimonio cultural e natural, rutas, artesáns, bodegas, empresas de turismo activo, restaurantes e establecementos turísticos. “Un conxunto de información que lle permite ao visitante trazar unha ruta para chegar aos lugares que máis lle interesan ou poder descubrir os recursos que están máis preto da súa posición”, dixo.

A outra ferramenta tecnolóxica que o presidente presentou en Fitur foi Lugo 360, unha aplicación tamén de balde, que a través da realidade aumentada permitirá facer unha viaxe a 25 localizacións da provincia a través de calquera dispositivo móbil. A App inmersiva abre unha ventá virtual que permitirá ao usuario facer unha visita a calquera dos catro xeodestinos da provincia de Lugo (Ancares-Courel, A Mariña, Lugo-Terra Chá e Ribeira Sacra), co fin de motivalo a que faga unha visita real.

“Lugo 360 e Inventrip son dúas maneiras de acompañar aos nosos visitantes a través do seu móbil sen condicionalos. Deixando que eles mesmos teñan o control sobre a súa viaxe e que, esa viaxe lles achegue a realidade máis natural da provincia de Lugo”, afirmou Tomé. Centrado no turismo de experiencias, o presidente da Deputación fixo un recorrido pola provincia, deténdose en algunha das citas culturais, deportivas e musicais, no turismo de natureza, na calidade e riqueza paisaxística de Lugo, no termalismo e no enoturismo.

Este ano, a Feira Internacional de Turismo conta coa presencia de 11.040 empresas de 165 países e na pasada edición recibiu a máis de 253.000 visitantes.

José Tomé, que explicou que a Deputación de Lugo aposta pola transversalidade e a unidade de acción como pilares indispensables na súa estratexia turística, participou pola tarde no acto organizado pola Mancomunidade de Municipios da Mariña, que presentou a comarca a través de 5 experiencias slow.

Etiquetas