O Goberno ponse en marcha para solucionar os problemas no Fiouco

O Ministerio de Fomento asinou co Ministerio de Economía, Industria e Competitividade un Convenio FID (Fomento da Innovación Empresarial desde a Demanda) para instrumentar o financiamento da Compra Pública Innovadora (CPI) que permita a experimentación con prototipos de tecnoloxía innovadora relativos a sistemas de protección antinéboa.

Mediante a próxima licitación de CPI, na modalidade de Compra Publica Precomercial (CPP), abordarase o deseño, implementación e experimentación con prototipos de solucións innovadoras fronte á néboa densa, nun tramo de proba anexo ao tramo da autovía A-8 entre Mondoñedo e A Xesta. O obxectivo é validar a súa futura implantación sobre a estrada para minimizar os efectos adversos producidos sobre o tráfico pola néboa densa.

A firma do convenio permite o cofinanciamento do proxecto, a través da liña FID, polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional 2014-2020 no Marco do Programa Operativo Crecemento Intelixente. Está suxeito ao estrito cumprimento da normativa nacional e comunitaria, especialmente no que se refire aos principios de publicidade, concorrencia, transparencia, confidencialidade, igualdade, non discriminación e elección da oferta economicamente máis vantaxosa.

Na Consulta Preliminar do Mercado (CPM), xa finalizada, recibíronse un total de 26 propostas de acordo ao procedemento establecido.

As distintas solucións innovadoras identificadas varían entre sistemas de detección e axuda á condución ata sistemas de illamento, eliminación ou desprazamento da néboa. Os resultados da Consulta tamén permitiron concretar as prescricións técnicas e administrativas relativas á contratación da próxima Compra Pública Innovadora (CPI).

Ao ser compra pública pre-comercial, a CPI desenvolverase en competencia por fases temporais de carácter eliminatorio. Desta maneira, iranse seleccionando progresivamente as mellores solucións. Para ese efecto, contémplanse no prego de condicións do procedemento as seguintes fases temporais:

  • Fase previa de selección das solucións innovadoras concorrentes á licitación coas que se formalizarán os respectivos contratos de servizos de I+D.
  • Fase 1 de demostración da viabilidade das solucións propostas. Cada adxudicatario realizará os estudos e demostracións necesarias que permitan demostrar a eficacia e a viabilidade técnica e económica de cada proposta.
  • Fase 2 de construción e experimentación en campo a escala real cos prototipos con obxecto de verificar o correcto funcionamento dos desenvolvementos teóricos nunha contorna real nas condicións de néboa características do tramo da A-8 entre Mondoñedo e A Xesta, polo que o período de probas estará condicionado á néboa.

Unha vez validada a tecnoloxía ensaiada, procederíase a unha contratación convencional para a construción dos sistemas antinéboa seleccionados para resolver a situación existente.

Etiquetas