O PSOE critica as medidas tomadas na Xunta contra a praga do xabaril

O portavoz de Gandería do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, censurou a “ineficacia e improvisación” nas medidas tomadas pola Xunta “tarde, mal e arrastro” para o control da praga de xabaril. O responsable socialista defendeu no Pleno do Parlamento a proposición non de Lei de Iniciativa Popular presentada previamente polo sindicato Unións Agrarias, que será votada mañá mércores.

Pérez Seco presentou esta iniciativa para reclamarlle á Xunta que impulse unha modificación da lexislación en materia de caza e xestión da fauna para que o Executivo asuma a súa responsabilidade na elaboración dun censo de poboación do xabaril, determinando a densidade máxima e medidas de control da poboación.

Ademais reclama medidas de “control de danos” na agricultura apoiándose nos Tecor e nas Sociedades de Caza para a súa execución. Tamén insta ao goberno galego a que proceda ao pago das indemnizacións polos danos causados pola fauna salvaxe, que no caso do xabaril estiman en 15 millóns de euros só na campaña 2017-18, así como na posta en marcha dun Fondo de Corresponsabilidade para o pago de indemnizacións e de medidas preventivas.

O responsable socialista criticou a posta en marcha de medidas que se teñen demostrado ineficaces por parte do goberno galego, que pasou de autorizar batidas con arqueiros a intentar a instalación de gaiolas, impulsar o comercio de carne de xabaril e, finalmente, a caza libre, sen ter en conta “o risco que conleva para calquera que practique actividades ao aire libre”.

Pérez Seco alerta do “enorme incremento dos custes nas explotacións agrícolas e gandeiras profesionais” como consecuencia do desleixo do goberno galego á hora de aplicar medidas “proporcionais e eficaces” que “permitan unha convivencia equilibrada e sostible desta especie animal con outras especies e coas actividades económicas, sociais e medioambientais do noso contorno”.

Explica que o abandono de terras e do medio rural, e a escasa incidencia en Galicia do lobo, o seu único depredador natural, provoca un “excesivo incremento da poboación do xabaril, un mamífero cunha grande capacidade de desprazamento e adaptación a todo tipo de hábitats”.

Alerta dos graves problemas económicos que ocasiona nos cultivos, afectando maioritariamente ao millo -55 por cento-, ás pradeiras -35 por cento- e tamén ás horas e outras producións como a vide ou a castaña -10 por cento-. A maiores, sinala, prodúcense danos en bens públicos de axardinamentos e zonas deportivas e incluso problemas de seguridade viaria, con 1.100 atropelos ao ano en Galicia, cuns 4 millóns en danos a vehículos.

Etiquetas