Skip to main content
ActualidadeVilalba

A Xunta destina 12,3 millóns de euros en axudas para a transformación e comercialización de produtos agrarios na provincia

Por 29 Agosto, 2017Sin comentarios

A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, vén de destinar só para a provincia de Lugo 12,3 millóns de euros en axudas directas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios durante este ano.

Estes apoios teñen por finalidade colaborar cos esforzos que os profesionais do medio rural e as empresas de transformación lucenses realizan para achegar ao mercado produtos de primeira calidade procedentes da transformación da excelente materia prima que temos na nosa provincia.

De feito, son preto de corenta empresas, a maioría delas de tamaño pequeno e mediano, as que recibirán as axudas da Xunta que poden destinar a diferentes iniciativas de creación, ampliación e modernización das súas instalacións, así como iniciativas que aposten pola innovación.

Representantes da Xunta e do Concello durante a súa visita a Crisanto SAT.

Representantes da Xunta e do Concello durante a súa visita a Crisanto SAT.

Visita á empresa Crisanto

Como exemplo práctico da utilidade destes apoios da Xunta o delegado territorial lucense, José Manuel Balseiro visitou a empresa SAT Crisanto, queixería emprazada no lugar de Moreda, na parroquia de Lazós, que vén de beneficiarse na convocatoria do ano en curso.

Neste caso concreto a Xunta apoiu a Crisanto para a construción dun almacén de 240 metros cadrados, instalación de pavimento porcelánico e panel no interior dunha parte da queixería e a compra de diversos útiles -esterilizador de coitelos, lavamáns, balanza-. Son un apoios para novas instalacións e equipamentos cos que reforzar a súa actividade e capacidade de produción e comercialización.

Esta queixería comezou a súa andaina no ano 1990, a nome de Crisanto Cuba Cendán, no ano 1996 a titularidade pasou a mans de María Dolores Alonso, e tras diferentes ampliacións constituíuse a sociedade co nome actual no ano 2006, unha SAT familiar formada polo pai (Crisanto) e os tres fillos; con dúas actividades diferentes: explotación gandeira e queixería.

Todo o leite producido na súa explotación dedícase á produción de queixo, e ademais mercan leite a produtores da zona. En total producen 750 toneladas anuais de leite, das que se obteñen 80 toneladas de queixo. Todo o leite producido na súa explotación dedícase á produción de queixo.

A queixería aposta por produtos transformados de gran calidade como o queixo San Simón da Costa DOP, o Queixo San Simón Bufón DOP e outras variedades como o queixo patelo, e presentacións en fresco, requeixo ou curado de vaca.