Skip to main content
ActualidadeVilalba

O PSOE de Vilalba acusa á Xunta de “incumprir a súa propia Lei de Patrimonio ao colocar un fito do Camiño nos restos da muralla de Vilalba”

Por 30 Agosto, 2017Sin comentarios
Fito do Camiño de Santiago colocado sobre os restos da muralla en Vilalba.

Fito do Camiño de Santiago colocado sobre os restos da muralla en Vilalba.

O Grupo Municipal Socialista vén de denunciar que a Xunta de Galicia incumpriu a súa propia Lei de Patrimonio ao ter colocado unha mouteira de sinalización do Camiño de Santiago sobre os restos da muralla de Vilalba, que data do século XIII e que foi catalogada como Ben de Interese Cultural. Tal e como se pode comprobar na actualidade, o fito foi colocado sobre os restos que se atopan na contorna da rúa da Ferrería, concretamente na confluenza da rúa do Sol e a da Pedra, afectando á banqueta da muralla.

Por outra banda, denuncian “a paradoxa de que o alcalde decida a execución do desbroce das inmediacións dos restos de dita muralla sen a autorización expresa de Patrimonio, pero consinta un verdadeiro ataque a este ben cultural e patrimonial de Vilalba”, veñen de criticar desde o PSOE pola colocación da mouteira.

Nesta liña, e como xa veñen denunciando en anteriores ocasións, os socialistas consideran que se repite a política de menosprezo que o goberno local “fai patente cunha escasa sensibilidade pola posta en valor do noso patrimonio”.

De cara ao próximo pleno, desde o Grupo Municipal Socialista avanzan que presentarán unha moción para que o concello adquira a titularidade dos terreos lindeiros dos 15 metros de muralla existente, e posteriormente proceda á súa musealización. Aseguran que “deste xeito terá a consideración necesaria e poranse en valor os restos patrimoniais para o gozo tanto dos vilalbeses e vilalbesas como da xente que se achegue á nosa vila”, conclúen.