Skip to main content
Actualidade

Os socialistas denuncian que a Xunta deixe sen executar 66,4 millóns para fixar poboación no rural

Por 8 Setembro, 2017Sin comentarios

A portavoz de Economía e Orzamentos do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, acusou ao presidente da Xunta de “cambiar pola vía dos feitos a que chamou Lexislatura do Rural pola Lexislatura do Despoboamento e o Abandono do Rural”. Así o dixo logo de constatar que a Xunta deixou sen executar 66,4 millóns de euros das partidas para Fixación de Poboación no Rural, Modernización e diversificación do tecido produtivo e apoio á mellora da competitividade.

Rodríguez Rumbo acusou ao goberno galego de “orzamentar contías para despois non executala” convertendo os Orzamentos en “papel mollado que só serven para facer publicidade e propaganda”. A deputada socialista presentou unha proposición non de Lei en Comisión para reivindicar un estudo sobre as medidas necesarias para incentivar o asentamento poboacional no rural que foi rexeitada polo PP.

A proposta inclúa “adoptar as medidas necesarias para incentivar a modernización, competitividade e especialización dos sectores produtivos no rural galego” e “manter os servizos públicos no rural” apoiando aos concellos máis pequenos. A proposta foi desbotada polo PP, rubricando a “falla de aposta polo rural” de Feijóo, que “obvia que o 30 por cento dos galegos e galegas vivimos en concellos de menos de 10.000 habitantes”.

Acusou ao goberno galego de manterse “impasible” diante da perda de poboación en todo o país, que afecta especialmente aos concellos rurais. Explicou que entre 2010 e 2016, Galicia perdeu 79.128 habitantes, e o saldo vexetativo pasou dun -7.702 a un -12.261 persoas, hai 19 concellos que pasaron a ter menos de 2.000 habitantes, e os de menos de 10.000 habitantes perderon 54.874 persoas.

Dixo que a Xunta “só traballa en termos de rendibilidade económica”, esquecendo a rendibilidade social e “mirando para outro lado” fronte á perda de condicións de vida no rural. Sinalou así ao peche de oficinas bancarias, deficiencias no transporte por estrada e ferrocarril, a caída drástica da calidade da atención sanitaria pública, falla de escolas infantís, insuficiencia de prazas en centros residenciais.

Unha perda de condicións, dixo, acompañada pola redución das axudas para impulso do rural por parte do Executivo autonómico, que falla na súa aposta polos sectores produtivos e “non fai nada” fronte á supresión de medidas como a supresión do rexistro civil e dos rexistros da propiedade no rural.